Ana Pontón defende un aumento do 50% no financiamento para facilitar o retorno da colectividade galega na emigración

Co cadro %22a derradeira lección do mestre%22 no Centro Galiza de Bos Aires
Co cadro %22a derradeira lección do mestre%22 no Centro Galiza de Bos Aires

Propón un plan plurianual para protexer o legado da diáspora, tras visitar o Centro Galiza de Bos Aires que alberga a Derradeira Lección do Mestre

Encontro coa ex-presidenta Cristina Kichner, coa que compartiu a preocupación do BNG pola lawfare e o avance da extrema dereita

A portavoz nacional, Ana Pontón, sigue coa súa axenda de reunións coa colectividade galega en Arxentina e, tras a xuntanza coa directiva do Colexio Santiago Apóstolo, institución cultural de referencia, mantivo nun encontro no Centro Galiza de Bos Aires, onde tivo oportunidade de trasladar as alternativas do BNG a favor da emigración. Neste sentido, avanzou que a formación nacionalista vai aproveitar a tramitación dos orzamentos de 2026 para reclamar no Parlamento, vía emenda, un incremento do 50% no financiamento para facilitar o retorno dos galegos e galegas que así o desexen.

“Galiza é un País de acollida e cun gran potencial que precisa man de obra en moitos dos nosos sectores produtivos: no sector mar-industria, no sector agrogandeiro como factor importante para revitalizar o medio rural, no sector da construción e dos servizos. E desde o BNG propoñemos unha Galiza aberta e inclusiva,  onde todos os galegos da emigración son benvidos”, subliñou.

Neste sentido, a proposta do Bloque é aumentar as partidas orzamentarias destinas a facilitar o retorno de emigrantes galegos, até acadar os 21 M€. “Se realmente apostamos por atraer talento e man de obra formada, hai que ser ambicioso no financiamento”, explicou. Trátase dunha proposta viable, tendo en conta o orzamento supera os 14.200 millóns de euros para o vindeiro exercicio, mentres que os programas para facilitar o retorno e a integración dos galegos emigrados non acadan nin o 0,1%, apenas 14 M€.

“É unha medida a favor do dereito da emigración a retornar e, ao mesmo tempo, é unha medida que favorece a Galiza, ós sectores económicos estratéxicos e que tamén fortalecería unha poboación lastrada polo envellecemento”, alegou.

Ana Miranda, Cristina Kichner e Ana Pontón
Ana Miranda, Cristina Kichner e Ana Pontón

Na súa visita ao Centro Galego de Bos Aires, acompañada pola eurodeputada Ana Miranda, Pontón tamén puxo sobre a mesa a necesidade de que a Xunta teña unha maior implicación na conservación do rico patrimonio cultural da diáspora, con pezas tan emblemáticas como a obra de Castelao A última lección do mestre. Neste sentido, a líder do BNG é partidaria de establecer un plan plurianual, que garanta un financiamento estable e regular,  para colaborar coa diáspora na preservación e posta en valor do legado cultural acumulado durante décadas.

Dentro dos contactos con forzas de esquerda da rexión, e tras a reunión co ministro da Gobernación da provincia de Bos Aires, Pontón mantivo un encontro coa ex-presidenta Cristina kichner, a quen trasladou todo o apoio do BNG ante o que considera un claro caso de lawfare, similar ao sufrido por outros líderes e mandatarios da rexión, como o actual presidente do Brasil, Lula da Silva, unha utilización da xustiza que tivo como fin impedir que volvese competir nunhas eleccións presidencias. 

Centro Galego de Bos Aires
Centro Galego de Bos Aires

Na xuntanza, analizaron a situación da política da rexión e a xeopolítica internacional, e coincidiron en compartir a súa preocupación polo avance da extrema dereita, simbolizada no caso de Arxentina, no goberno de Javier Millei, un avance das forzas ultra que Pontón considera un ameaza para a democracia e para o mantemento dos dereitos e liberdades colectivas e individuais. 

Neste contexto, a portavoz nacional  trasladou o seu orgullo polo feito de que en Galiza a extrema dereita teña nula representación institucional, o que atribuíu a que a cidadanía ten no BNG unha alternativa ao PP a favor da maioría social, fronte a un Partido Popular cuxo discurso e propostas se asemellan máis as da extrema dereita.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG