Municipais 2027

Ana Pontón declara a Camilo Vila como o mellor alcalde para que Xinzo de Limia avance

Presentación candidato Xinzo de Limia
Presentación candidato Xinzo de Limia
“O modelo municipal de éxito do BNG é o que queremos implantar en Xinzo”, avanza

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación de Camilo Vila como candidato do BNG á Alcaldía de Xinzo de Limia nas eleccións municipais de 2027, convencida de que nesta cita coas urnas Vila será o próximo alcalde que poña en marcha un proxecto de futuro para que o concello avance.

Pontón explicou que o proxecto do BNG para o municipio está concibido para construír “un Xinzo mellor”, onde haxa máis calidade de vida, máis servizos, máis oportunidades e, sobre todo, “onde a xente sinta que este é un gran lugar para vivir”.

“Confiamos en Xinzo, no seu potencial e na súa xente e cremos que este concello merece moito máis, merece ter por primeira vez na súa historia un alcalde do BNG”, proclamou, para destacar un proxecto que pon as persoas no centro e que abre novas oportunidades no económico, no social e no cultural.

A líder nacionalista destacou neste sentido o compromiso dun candidato que ten capacidade, experiencia e que traballa mana a man coa cidadanía para mellorar a vida das persoas. “Nestes catro anos Camilo acumula unha experiencia e un coñecemento do concello e das súas necesidades que o fai máis preparado que nunca para poder poñer en marcha o cambio que necesita Xinzo e facelo implantando aquí o modelo de éxito do BNG”, alegou.

En presenza de distintos alcaldes e alcaldesas nacionalistas, recordou neste punto que os concellos BNG son garantía de “concellos abertos e transparentes” e referentes “no cambio de modelo urbano” que, augurou, será seguramente unha das grandes transformacións que vivirá Xinzo. “Ese modelo é o que queremos aplicar en Xinzo de Limia con Camilo como alcalde”, avanzou. 

“Hoxe estamos presentando a un candidato que vai a por todas, que é a opción gañadora en Xinzo para que neste concello se produza un cambio que nos permita, por primeira vez, ter unha Alcaldía do BNG”, recalcou, para poñer a continuación en valor o aval do traballo xa realizado.

Neste sentido, afirmou que “nada do que pasou en Xinzo lle foi alleo a Camilo” e que da súa man o Bloque defendeu a sanidade pública reclamando “algo tan básico como que os nenos e nenas do rural teñen dereito a ter pediatra” porque “non é xusto que haxa nenos e nenas de primeira e de segunda”.

Presentación candidato Xinzo de Limia
Presentación candidato Xinzo de Limia

Un papel activo a favor da xente de Xinzo, alegou, que tamén se comprobou na defensa do municipio fronte ao espolio eólico das eléctricas ou da equidade municipal para ofrecer un trato igualitario a todos os veciños e veciñas.

“Con todo este aval, presentamos a un candidato que ten un proxecto ambicioso de futuro porque este concello non pode funcionar nin con improvisacións, nin con parches, senón que necesita un proxecto serio que pense o Xinzo da próxima década e que sitúe a este concello como cabeceira de comarca, que é o lugar que lle corresponde”, afondou.

Para conseguir este obxectivo, a líder nacionalista lembrou que Vila ten ao seu lado un gran equipo de persoas que, coma el, levan a Xinzo “na cabeza e non corazón”, confían no seu potencial e que están dispostas a dalo todo para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas.

Esa é a forma na que o Bloque entenden a política, como unha ferramenta que aporta solucións aos problemas que ten a cidadanía, subliñou, para destacar a continuación que Vila tamén representa a rigorosidade que necesita a vida pública neste momento. “Un ten que estar en política para defender o ben común e esa é precisamente unha das cualidades que ten o noso candidato”, incidiu.

“Por iso, imos ir a por todas nas próximas eleccións municipais, incorporando a esa nova maioría que hai en Xinzo que quere unha alternativa como a que representa o BNG situándonos, por primeira vez, á fronte da Alcaldía”, concluíu.

Pola súa parte, Camilo Vila reivindicou o carácter colectivo dun proxecto que ten por obxectivo “xestionar o ben común, xestionar un concello” e que xira arredor dun equipo de persoas que vén desenvolvendo unha “acción responsable e rigorosa” desde a oposición na defensa da veciñanza de Xinzo.

Un proxecto a longo prazo, explicou, afastado das decisións improvisadas que se viñeron tomando no concello, que está centrado en mellorar as vidas dos veciños e das veciñas e que, avanzou, o BNG irán degrañando nos próximos meses, ao igual que o resto do equipo que “vai liderar o concello de Xinzo a partir de maio de 2027”.

Un liderado que asumirá para impulsar unha xestión rigorosa baseada na planificación, como exemplificou no proxecto do auditorio. “Nós queremos un proxecto que escoite á xente en primeiro lugar, e logo avaliar e definir as necesidades e as capacidades que temos e, só así e só entón, presentar un proxecto de obra, un auditorio para Xinzo de Limia”, explicou.

Outras das cuestións que considerou prioritarias é “cortar dunha vez a rede clientelar que se dá, por exemplo, arredor das subvencións nominativas”, impulsando un novo modelo baseado en “criterios obxectivos”, unha medida da que dixo xa conta co apoio rotundo de todos os clubs deportivos do municipio.

Vila tamén apostou por dar unha alternativa ao tráfico pesado que circula polo concello e adiantou que o goberno local que vai encabezar “traballará desde o primeiro momento en construír unha solución”.

Por último, avanzou que vai prestar especial atención aos pobos de Xinzo, que sofren a mesma improvisación que o resto do concello. “Estamos fartos e fartas de que non haxa un plan para algo tan básico como as rozas para protexer os pobos”, lamentou, para criticar que o actual goberno local non fixera nada neste sentido a pesar dos lumes do verán pasado. “Nós queremos facelo con anticipación, por iso necesitamos planificar, por iso necesitamos proxecto e necesitamos equipo”, subliñou.

“Con esta idea xeral de goberno, nace esta nova andaina do BNG de Xinzo de Limia, que comeza hoxe, pero que naceu hai moitos anos e que nos vai levar dentro dun ano á Alcaldía deste concello”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG