parlamento galego

Ana Pontón critica que PP e PSOE “fagan pinza” para frear o avance da ciencia e da innovación rexeitando o INNOGAL

Reprocha que veten no Parlamento galego o mesmo que apoian en Euskadi e Cataluña co Ikerbasque e o ICREA, claves para impulsar a I+D+i

O BNG seguirá traballando para colocar Galiza á vangarda da ciencia e da innovación e propón duplicar o investimento en ciencia e coñecemento

O BNG presentou no pleno do Parlamento galego unha proposición de lei para crear o INNOGAL, unha entidade para impulsar a ciencia e a innovación en Galiza trasladando, con criterios propios, un modelo que xa funciona con éxito en Euskadi e Cataluña a través do Ikerbasque e o ICREA. Como proba dos bos resultados de ambos dende a súa creación, o Ikerbasque mobilizou para Euskadi máis de 300 millóns de euros desde 2007, e o ICREA máis de 700 millóns de euros para Cataluña desde 2001.

Na liña estratéxica do BNG de apoio á ciencia e á innovación como claves de futuro, a portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu no pleno a creación desta entidade a través dunha Proposición de lei. Neste sentido, a líder do Bloque lamentou que “PP e PSOE sumen forzas unha vez máis en contra dunha medida de futuro para Galiza, convertendo este País nun pim-pam-pum das súas estratexias partidistas”.

“Cando rexeitan o INNOGAL non lle están facendo unha pinza ao BNG, senón unha pinza á ciencia e á innovación” recalcou Pontón, lembrando que “tanto PP como PSOE votaron a favor da creación do Ikerbasque e o ICREA, apoiando noutros lugares o que agora lle negan a Galiza”.

Facendo alusión á falta de rigor dos populares e os socialistas ao abordar un tema con tanta importancia para o futuro dun País, Pontón cualificou de “bochornosas” as súas intervencións destacando que “a comunidade científica merece moito máis que argumentacións baseadas en propaganda”. Nun contexto no que Galiza está nos últimos postos en investimento, cun un 1,1% do PIB en ciencia e investigación fronte ao 1,43% de España ou o 2,3% de Europa, a portavoz nacional preguntouse “como o PP pode dicir que Galiza é líder en termos de investimento, se en realidade estamos á cola”.

Pontón indicou que “inspirarse no que se está facendo con éxito noutras partes é política intelixente”, lamentando que “unha vez máis o PP queira situarse no pasado”. “O futuro pasa pola ciencia e este País avanzará a pesar de vostedes”, concluíu.

A ciencia é un factor estratéxico para desenvolver toda a capacidade produtiva de Galiza, crear emprego de calidade e construír unha economía sólida e competitiva, asentada tanto nos sectores produtivos tradicionais como emerxentes. Na súa aposta pola investigación e a innovación, o BNG impulsou unha proposición de lei de creación da Fundación galega para a ciencia (INNOGAL), unha proposta inspirada en proxectos de gran recoñecemento internacional como o Ikerbasque de Euskadi ou o ICREA de Cataluña.

O INNOGAL está concibido cun dobre obxectivo. En primeiro lugar, busca garantir un apoio estable, constante e transversal ao coñecemento. “Queremos converter a I+D+i nunha aposta estratéxica que vaia máis alá de lexislaturas e de gobernos, queremos garantir o orzamento e, polo tanto, fixámonos como obxectivo situar o investimento galego en I+D+i no 2% do PIB en cinco anos”, indicou Pontón.

Ao servizo do ecosistema investigador

O segundo dos obxectivos é a creación dunha ferramenta institucional que impulse e estea ao servizo do ecosistema científico e investigador galego. Un aliado do Sistema Universitario Galego, dos centros de investigación e dos centros tecnolóxicos.

Deste xeito, o INNOGAL está pensado para ser un organismo público no que as persoas investigadoras e todos os axentes que conforman o ecosistema de I+D+i sumen á xeración de coñecemento. “Un organismo que impulse tanto a ciencia básica como a aplicada, tecendo sinerxías e procurando unha xestión máis eficaz e eficiente dos recursos económicos, humanos e materiais”, apuntou a portavoz nacional.

O BNG, poñendo ás persoas no centro como en todas as súas políticas, quere facelo tamén en materia de investigación, propiciando as condicións necesarias para reter ao persoal científico formado en Galiza, captar talento de excelencia e lograr o retorno do talento emigrado.

“En definitiva”, concluíu Pontón “con esta proposta de creación do INNOGAL desde o BNG queremos introducir unha visión integral nas políticas públicas de I+D+i, converténdoas nun elemento dinamizador do ecosistema investigador, impulsando a cooperación e promovendo o coñecemento como o que é: un ben común ao servizo da sociedade”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG