Ana Pontón convida ao optimismo e á confianza: “Témolo todo para saír adiante porque somos un pobo honesto, traballador e xeneroso”

Na súa mensaxe de fin de ano traslada o seu recoñecemento ás galegas e aos galegos “que sacan adiante os seus proxectos persoais, empresariais, as súas ideas, que sacan adiante as súas familias sen renderse. Sodes un exemplo”

Destaca o labor dos profesionais da sanidade e da ciencia que aportou a vacina. “Como non reclamar unha Galiza que poña no centro á ciencia e o coñecemento para construír un futuro mellor”, alega

Ana Pontón convida ao optimismo e á confianza: “Témolo todo para saír adiante porque somos un pobo honesto, traballador e xeneroso”

A punto de finalizar o ano, a portavoz nacional, Ana Pontón, volve dirixirse ós galegos e ás galegas cunha mensaxe de fin de ano na que fai un chamamento á confianza e ao optimismo nun momento en que os datos da pandemia son motivo de preocupación e obrigan a extremar a prudencia e os coidados.

“Temos por diante unha situación complexa, pero non nós desanimemos porque imos saír adiante e imos facelo grazas ao voso comportamento exemplar e a vosa xenerosidade. Para min é un orgullo ver como seguides afrontando esta pandemia, sodes un espello no que mirarme, un exemplo a seguir e agardo estar a vosa altura”, destaca na súa alocución.

A líder do BNG empeza o seu discurso resaltando as achegas e o esforzo de dous colectivos: o persoal do sistema público de saúde e os investigadores e investigadoras.

“Grazas ós e ás profesionais da sanidade que nos coidaron e nos coidan, e grazas aos científicos e científicas porque nos deron o escudo protector da vacina. Como non reclamar unha Galiza que poña no centro a ciencia e o coñecemento para sustentar un futuro mellor”, argumenta na súa mensaxe de fin de ano difundida polo Bloque nas súas redes sociais.

Tras os agradecementos, Pontón fai unha chamada á confianza e, sobre todo, ao optimismo, convencida de que máis pronto que tarde o País vai superar esta situación grazas a unha cidadanía que ten demostrado resiliencia, honestidade e capacidade de traballo para superar as adversidades.

“Temos que ser optimistas porque estou segura que imos saír adiante”, proclamou a líder nacionalista para, a continuación, enumerar as razóns polas que é optimista e polas que convida ao optimismo.

“O optimismo nace de todos e de todas as galegas que con gran esforzo sacan adiante os seus proxectos persoais, empresarias, as súa ideas, que sacan adiante as súas familias sen renderse; o optimismo da mocidade que loita por un futuro mellor e que ademais nos recorda que temos que coidar o planeta;  a esperanza e o optimismo das mulleres que enchemos prazas e rúas porque queremos vivir nunha Galiza con igualdade; o optimismo que nace dos e das traballadoras que nos demostran que temos un gran tecido produtivo, desas pequenas e medianas empresas que asombran cos seus proxectos innovadores”, enumerou na súa mensaxe.

“En definitiva, o optimismo dunha Galiza que o ten todo para saír adiante, porque somos un pobo honesto, traballador e xeneroso. É un momento para ter confianza e optimismo porque temos todo por gañar. Feliz 2022”, conclúe Ana Pontón a súa mensaxe de fin de ano ós galegos e ás galegas, gravada no Parlamento ante unha obra de Quintana Martelo.

 

 

Ana Pontón convida ao optimismo e á confianza: “Témolo todo para saír adiante porque somos un pobo honesto, traballador e xeneroso”