Galegas 2024

Ana Pontón considera prioritaria a recuperación da Enseada de San Simón para garantir o emprego no sector marisqueiro

Acto Redondela
Acto Redondela

Avanza en Redondela que traballará para mellorar os servizos educativos, sanitarios e de coidados dos maiores do concello e do conxunto da comarca

Luís Bará afirma que un Goberno liderado polo BNG porá en valor o potencial produtivo, ambiental, patrimonial e cultural da ría de Vigo 

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, proseguiu a súa xira de precampaña cun acto aberto en Redondela, onde aproveitou a súa intervención para destacar algunhas das medidas para este concello e o conxunto da comarca que ten previsto desenvolver o Goberno que aspira a presidir.

Pontón avanzou o seu compromiso de que un goberno do BNG “vai cumprir con Redondela” que, segundo dixo, terá nela unha aliada para mellorar a vida da xente empezando pola mellora dos servizos públicos, en sanidade, no coidado das persoas maiores e en educación.

Neste último ámbito sinalou ao tan demandado bacharelato de artes nunha vila que, segundo salientou, destaca pola súa actividade cultural, ou á escola infantil de Chapela, unha infraestrutura educativa que as familias do municipio levan moito tempo reclamando.

“E terei tamén como prioridade a recuperación ambiental das rías, incluída a Enseada de San Simón, para garantir os postos de traballo no marisqueo e tamén a calidade extraordinaria dos nosos produtos”, avanzou, para a continuación advertir que Galiza conta cun ecosistema mariño extraordinario, “pero hai que coidado e preservalo e iso pasa por unha rexeneración das nosas rías”.

Galiza precisa un goberno e unha presidenta que “en lugar de ser parte do problema, sexa parte da solución”, recalcou logo de reprobar o “nefasto” balance que deixa o PP tras quince anos de goberno.

A líder nacionalista reafirmou o seu compromiso coa cidadanía de Redondela e de toda a comarca para, se obtén a confianza dos galegos e das galegas, traballar para atender as súas demandas, mellorar a súa calidade de vida, “sabendo que reverter os recortes de quince anos do PP non é posible facelo dun día para outro, pero que imos cambiar os recortes por máis medios para blindar os servizos públicos”.

Acto Redondela
Acto Redondela

Pola súa banda, o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, pediu toda a forza da veciñanza de Redondela para un cambio no País que permita cumprir todas reivindicacións da vila e que levan anos metidas no caixón pola Xunta. Falou de infraestruturas, de educación e sanidade, entre outras cuestións, mais fixo fincapé na necesidade de aproveitar todos os potenciais da ría de Vigo: na súa parte produtiva coa pesca e o marisqueo, na súa parte ambiental por ser Rede Natura, e na súa parte patrimonial, histórico e cultural “como un elemento de dinamización económica e turística”.

O nacionalista subliñou que o Bloque apostará por mellorar a súa situación produtiva, polo saneamento integral a recuperación e rexeneración dos bancos marisqueiros que agora mesmo viven unha importante crise. Tamén salientou todo o potencial que ten a enseada de San Simón como área de protección ambiental e subliñou o valor patrimonial da contorna de Rande.

Ademais de San Simón como Illa da Memoria, un referente para o País, Bará lembrou que, no que agora é unha zona de actividade económica e almacenaxe do Porto de Vigo, hai un conxunto histórico patrimonial  “moi interesante”, como as ruínas do antigo castelo, das conserveiras e dos cargadoiros de mineral, para o que o BNG propón un grande proxecto de recuperación. “Hai que aproveitar a ría”, sentenciou.

Máxima mobilización diante da cita electoral máis importantes dos últimos tempos

Pontón apelou en Redondela a abrir un tempo novo no País a partir do 18 de febreiro mobilizando esa maioría social “que quere cambio” e concentrando todo ese voto no Bloque porque, segundo salientou, “somos a alternativa real e a única forza con capacidade para derrotar ao PP”.

Ante unhas eleccións que cualificou como ás máis importantes dos últimos tempos, Pontón dixo que “só hai dúas alternativas”. Ou un Goberno do PP, co candidato Rueda, “que nos deixa unha Galiza peor e máis pequena” e que é capaz de mentirlle á cidadanía ante un desastre ambiental como o dos pellets plásticos; ou un goberno liderado polo BNG, “cunha presidenta preparada para poñer en marcha unha Galiza mellor”.

Neste sentido, amosou o seu convencemento de que “hai partido” e afirmou que dende o Bloque “saímos a gañalo”. “Imos derrotar ao PP o 18 de febreiro porque hai unha maioría social que quere cambio e que ve no BNG a súa alternativa para conseguilo”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG