Ana Pontón: “A concesión da AP-9 é unha estafa e o Estado debe poñerlle fin e acabar coas peaxes”

Acto AP-9 (Arquivo)
Acto AP-9 (Arquivo)

Lembra que se non fose polas ampliacións do PP e do PSOE, consideradas ilegais pola Comisión Europea, a AP-9 sería hoxe unha vía libre de peaxes como son outras autoestradas coetáneas

Desde Bruxelas, Ana Miranda, fará un seguimento da resposta do Estado

BNG valora como unha oportunidade a resolución da Comisión Europea, comunicada por carta ao Estado español, na que declara ilegal a ampliación da concesión da AP-9, ao entender que marca o camiño para acabar con esa ampliación e permitir a recuperación  da autoestrada.

Entende que a comunicación do Goberno da UE tamén pon en entredito a legalidade das peaxes cobradas durante as sucesivas ampliacións realizadas tanto por gobernos do PP como do PSOE que, de non terse producido, teríamos unha AP-9 libre de peaxes desde 2015 en lugar de ter que seguir pagando até 2048.

“A concesión a AUDASA non cumpre coa legalidade, é o que din as autoridades comunitarias e, polo tanto, hai que poñerlle fin”, salienta a portavoz nacional, Ana Pontón, tras subliñar que a comunicación de Bruxelas ao Estado español “pon o foco nesa estafa e a reacción do Goberno central debe ser poñer fin a concesión e acabar coas peaxes da AP-9”.

Pontón subliña que está é unha vella reivindicación do BNG compartida pola maioría da cidadanía, ao tempo que lembra que “a maior parte das autoestradas coetáneas da AP-9 xa están libres de peaxes ou están a punto de caducar”, mentres que grazas ao “agasallo” das sucesivas ampliacións do PP e do PSOE, Galiza ten a lousa das peaxes até 2048 nunha vía que é esencial para o País.

Para o Bloque, a comunicación da Comisión Europea “mostra o camiño que debe percorrer o Estado español: poñer fin a abusiva concesión e acabar cunhas peaxes que os galegos e as galegas levamos demasiado tempo pagando e que lastran as economías das familias, das empresas e tamén a recuperación económica nun momento de crise como o que vivimos”, argumentou Pontón.

A decisión de Bruxelas chega nun momento en que se vai debater no Congreso a transferencia da AP9 a Galiza, a raíz dunha lei presentada polo BNG que, tras diversos avatares, recibiu o apoio unánime do Parlamento. A resolución da Comisión Europea prodúcese en resposta á denuncia dunha plataforma viguesa denominada En Colectivo.

A formación nacionalista, advirte a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, vai seguir con moita atención a resposta do Estado ao requirimento do Goberno da UE ante as prórrogas dunha concesión “que desde o Bloque sempre denunciamos e criticamos porque ía en contra dos intereses de Galiza”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG