Galegas 2024

Ana Pontón comprométese na Feira do Cocido de Lalín a defender o rural dotándoo con máis servizos e máis apoios á produción

Ana Pontón en Lalín
Ana Pontón en Lalín

O Goberno do BNG porá en marcha o ticket rural para axudar con 15.000 € anuais durante un quinquenio a emprendedores, que tamén terán rebaixa nas cotizacións

A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, visitou este domingo a Feira do Cocido de Lalín, á que se referiu como “toda unha mostra da riqueza gastronómica de Galiza” pois exalta, dixo “un dos pratos estrela da cociña galega”. Unha feira que este ano chega a súa LVI edición e que é ademais  reflexo da importancia que ten o rural na economía galega, asegurou a candidata, que percorreu o certame de Lalín acompañada polo cabeza de lista de Pontevedra, Luís Bará, a candidata pola comarca, Ariadna Fernández, e o portavoz municipal, Francisco Vilariño.  

Pontón aproveitou este escenario para subliñar a potencialidade e a capacidade que ten o medio rural galego que, engadiu, “precisa dun Goberno capaz de acompañalo e que estea disposto a traballar para ter un futuro mellor”. É por iso que un Executivo liderado polo BNG fará deste obxectivo unha das súas prioridades, subliñou.

Ana Pontón en Lalín
Ana Pontón en Lalín

A candidata do BNG enumerou as principais medidas do programa nacionalista neste eido e se comprometeu, en primeiro lugar, a dotar ao rural de máis servizos públicos en sanidade, educación ou benestar social. “Se quitamos servizos imos seguir perdendo poboación”, considerou, lembrando como o PP a longo destes últimos anos foi pechando consultorios ou deixando sen pediatra a miles de nenos do rural. “Temos que reverter esta situación”, agregou.

Outra dos grandes eixos de actuación do Bloque no rural será o apoio aos produtores e produtoras, con medidas como a mobilización de 100.000 hectáreas de superficie agraria útil ou a reactivación do banco de terras para facilitar o uso agrogandeiro das que están abandonadas. Pontón defendeu ademais medidas para garantir prezos xustos aos produtores e a creación de novas vías de comercialización dos seus produtos.

Avanzou, por outra banda, que como presidenta apostará pola diversificación económica como outro das vías para acadar un rural “máis vivo e produtivo”, capaz de xerar riqueza e emprego. Co BNG na Xunta, anunciou, porase en marcha un tícket rural, dotado con até 15.000 euros anuais, durante un quinquenio, para apoiar proxectos innovadores que non estean directamente relacionados co sector agrogandeiro. Os emprendedores no rural terán así mesmo exencións na cota de autónomos durante os tres primeiros anos.

Tras percorrer a feira, Pontón fixo un chamamento a “todo o mundo” a visitar durante estes días Lalín para asistir á Feira do Cocido e poder desfrutar “dun dos platos máis fortes da nosa gastronomía”. “Que veñan e, por suposto, que se tomen un cocido”, agregou. 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG