Ana Pontón comprométese como presidenta a impulsar un gran Pacto Galego pola ciencia nos primeiros cen días de goberno

Encontro ciencia
Encontro ciencia

Propón  Impulsar a I+D+i como  panca de desenvolvemento social, económico e cultural, crear o INNOGAL para facilitar a xeración de ciencia básica e aplicada, reter o talento investigador e destinar á ciencia e innovación o equivalente ao 2,5% do PIB  de aquí a 2030

Aposta por avanzar na dixitalización  en todos os ámbitos e recalca que a ciencia é unha cuestión de país que debe  colocar a Galiza  na vangarda

O BNG aborda a elaboración do seu programa de goberno cunha xornada de traballo sobre I+D+i con unha ampla representación da comunidade científica e investigación no ámbito académico e empresarial.

Na apertura da xornada, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón avanzou que o programa de goberno do BNG recollerá as propostas e alternativas da comunidade científica, tanto no ámbito académico como no empresarial e comprometeuse  a impulsar “un gran Pacto galego pola ciencia” nos primeiros cen días de goberno, se a cidadanía  lle outorga a súa confianza.

“Un gran pacto pola ciencia que coloque a Galiza na vangarda dos países máis avanzados en investigación e innovación e quero darlle a Galiza un goberno que aposte pola ciencia”, recalcou.

Encontro ciencia
Encontro ciencia

Na súa intervención fixo fincapé nos grandes retos aos que nos enfrontamos e para os que precisamos, apuntou, a ciencia e a innovación. Retos, dixo,  como o cambio climático, a xestión de residuos, o envellecemento da poboación;  a biomedicina,  intelixencia artificial e  novas tecnoloxías, así como a prestación de servizos nunha sociedade do benestar que busca a xustiza social e a preservación do territorio

O goberno do cambio que quere liderar o  BNG  será o goberno da ciencia

Se realmente pensamos que a ciencia é unha aposta estratéxica, explicou a líder do BNG,  ten que contar con recursos económicos  humanos. Para acadar este obxectivo urxe un financiamento estable e suficiente, achegándose á media da Unión  Europea, un programa de recursos humanos integral para todas as etapas da carreira investigadora e que achegue estabilidade e planificación aos nosos investigadores e investigadoras.

Nesta liña, anunciou,  alternativa do BNG,  ten como piares esa dobre vertente, con propostas concretas e realistas para colocar Galiza na vangarda científica,  dentro dese gran Pacto galego pola ciencia.

Dende o BNG queremos “impulsar a I+D+i como sector estratéxico e panca de desenvolvemento social, económico e cultural. Temos claro que xerar coñecemento é en si mesmo un sector produtivo dos máis importantes para o presente e futuro do País” e por iso defendemos crear o INNOGAL, un “organismo público concibido como  plataforma estábel para facilitar a xeración de ciencia”, e  cunha  xestión eficaz e eficiente  dos recursos económicos, humanos e materiais. Tamén imos poñer en marcha  un programa de retención, captación e retorno de talento investigador, semellante aos xa existentes en Euskadi (Ikerbasque) e Catalunya (iCrea), con excelentes resultados como o iCrea con 780 Millóns de euros para fondos de investigación dende a súa creación no ano 2001.

O ikerBasque, creado en 2007, engadiu Pontón, conseguiu un retorno de 175 M€ só no último ano. De feito, o País Vasco é a CCAA que lidera o investimento en I+D+i cun 2,2% do seu PIB, porcentaxe que duplica o de Galiza, e tamén lidera o retorno per cápita de fondos europeos, porque case triplica a media estatal.

Hai un dato, facilitado polo Foro Económico que debemos ter moi presente: o custe de perda de talento investigador cada ano chega até os 311 millóns de euros. Cada ano, recalcou.

2,5% do PIB de aquí ao 2030 para ciencia e innovación

Outra das propostas que integran  a alternativa do BNG é crear o Consorcio galego de captación e competencias dixitais coa participación da Xunta, as entidades locais e o sistema universitario. O obxectivo é avanzar na dixitalización das administracións e das empresas, con especial atención ás PEMES e á economía social e tamén dixitalizar o ensino e centros de saber, como bibliotecas e arquivos.

Todas estas propostas deben ser financiadas para conseguir colocar a Galiza na vangarda da ciencia e investigación e por iso,  propoñemos  “destinar á ciencia e innovación o equivalente ao 2,5% do PIB  de aquí a 2030”, para situarnos na media europea e sacar  a Galiza do furgón de cola onde está hoxe cun investimento que apenas chega ao 1% do PIB.

A alternativa do BNG pasa, volveu a sinalar  a nacionalista,  por “reforzar o sistema de I+D+i nas universidades”, porque é o principal  foco de ciencia e investigación que temos no País, e debemos maximizar  a colaboración entre universidade, empresa privada e administración pública.

Apostar pola ciencia e a investigación é apostar por un  novo modelo económico sustentable e de vangarda. O gran Pacto galego pola ciencia está destinado a  desenvolver toda a nosa capacidade produtiva, crear emprego de calidade e construír unha economía sólida e competitiva asentada no potencial do País, tanto nos sectores produtivos tradicionais como emerxentes, concluíu a portavoz nacional do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG