Galegas 2024

Ana Pontón comprométese coa veciñanza de Arzúa a colaborar co Concello na construción dun centro de día para persoas maiores

Acto Arzúa
Acto Arzúa

Anuncia un plan de choque en atención primaria dotado de 200 M€ para paliar a falta de medios e persoal médico que sofren centros de saúde como o de Arzúa

A portavoz nacional e candidata do BNG á Presidencia da Xunta participou en Arzúa nun acto aberto dentro da súa axenda de precampaña no que se comprometeu coa veciñanza deste concello á construción dun centro de día para persoas maiores. “Tendes a miña palabra de que un goberno do BNG vai cumprir con este concello, e Arzúa terá en min unha aliada para mellorar a vida da xente”, asegurou.

Pontón quere ser unha presidenta que “en lugar de ser parte do problema sexa parte da solución” e de aí a súa determinación para defender os intereses dos veciños e as veciñas  de Arzúa e a súa comarca, que levan tempo reclamado un centro de día para poder mellorar a atención ás persoas maiores. Se a cidadanía lle da o 18F a confianza necesaria para ser presidenta do goberno do cambio, fará “todo o posible” para que ese centro de día “sexa realidade o antes posible”.

Para iso, comprometeuse a traballar man a man co concello, “porque así entendo eu a política, desde a colaboración, desde o diálogo para mellorar a vida da xente”, subliñou, para remarcar a continuación que o reforzo dos servizos públicos para garantir o dereito a unha vellez digna e que as familias podan conciliar forma parte das prioridades do BNG.

Acto Arzúa
Acto Arzúa

Mellorar a calidade da sanidade pública será outro dos piares dun goberno presidido por Ana Pontón, que asegurou ser coñecedora dos problemas que existen no centro de saúde de Arzúa, coas cotas saturadas e no que con frecuencia non se cobren as baixas nin as vacacións do persoal médico. Problemas estes que Pontón achacou aos “recortes” do PP e aos que o BNG fará fronte -avanzou- cun plan de choque en atención primaria dotado de 200 millóns de euros, que servirían para ter máis persoal e máis medios.      

En Arzúa, Pontón deixou claro que “é o momento de ter unha presidenta capaz de poñer en marcha unha Galiza en grande”, man a man con maioría social que quere cambio e que ve no BNG a súa esperanza de futuro, subliñou,  destacando que é hora de facer historia cunha muller presidenta.

Galiza vai saír gañando cunha presidenta do BNG

“En 43 anos houbo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais, pero non lograron poñer a este País no lugar que lle corresponde, por iso penso humildemente que Galiza vai saír gañando cunha presidenta, e convoco á cidadanía a que nos dea a oportunidade de demostrarlle que podemos facelo mellor, que Galiza vai saír gañando cun goberno do BNG”, salientou.

Porque o Bloque ten un proxecto solvente para gobernar desde o rigor e o realismo, desde a ambición e coa capacidade para transformar en positivo, “para darlle á xente un País cunha sanidade e unha educación mellores, con máis benestar e máis oportunidades, no que se aposte pola ciencia e a innovación, pola industria e pola creación de emprego”, sintetizou. “Este 18-F vai de defender os nosos sectores produtivos, vai de máis igualdade e feminismo, vai de poñer este País á vangarda a innovación, vai de avanzar e de progresar e todo iso é posible se facemos realidade o cambio galego da man do BNG”, asegurou.

Un Bloque Nacionalista Galego que está en disposición de disputarlle a Presidencia ao PP, “porque os galegos e as galegas saben que somos a única forza que ten un proxecto alternativo e de futuro, sen dependencias e sen sucursalismos”. Un proxecto común de País, subliñou, pensado “dende nós e para nós” co único obxectivo de dar solucións aos problemas reais da xente a través dun goberno que vai ser “o mellor de todos os tempos”.

Convencida de que o cambio é posible, a candidata do BNG dirixiuse precisamente a esa maioría social que quere pasar páxina e abrir un tempo novo no País, sabendo que o 18 de febreiro só hai dúas alternativas,  “un goberno con Rueda como presidente, que nos deixa un país en retroceso, peor do que encontrou, ou unha presidenta do BNG capaz de poñer en marcha a mellor Galiza, esa é a escolla”.

De aí a súa chamada á mobilización e á concentración “das ganas de cambio” no Bloque, dúas claves necesarias para facer historia o 18-F: mobilización masiva e o conseguir que nin un só voto do cambio se perda. “O cambio galego é imparable e está ao alcance das nosas mans”, proclamou.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG