parlamento galego

Ana Pontón comprométese co alcalde de Ribeira a trasladar ao Parlamento as principais necesidades da vila

Luís Pérez Barral e Ana Pontón
Luís Pérez Barral e Ana Pontón

Puxo o foco sobre situación dos centros de saúde, os equipamentos sociais como a residencia de maiores, e as deficiencias no transporte

“Despois desta visita vexo un Goberno local que traballa de maneira unida, con capacidade e sentando as bases dunha Ribeira con futuro”, indicou

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou esta mañá o Concello de Ribeira para manter unha visita institucional co seu alcalde, Luís Pérez Barral, e coñecer de primeira man os principais asuntos que preocupan ao Goberno municipal.

Tanto Pontón como Pérez repasaron os temas que máis preocupan á veciñanza e que teñen que ver coa acción do Goberno PP na Xunta: a atención sanitaria, o benestar social e o coidados das persoas, e o transporte, tanto no ámbito escolar como no ámbito de viaxeiros.

“No ámbito da sanidade é evidente que hai un problema co deterioro que se está producindo do sistema sanitario no noso País”, declarou a portavoz nacional, denunciando que “a causa dos recortes do PP en atención primaria” no Concello de Ribeira “falta persoal sanitario  e é habitual que non se cubran baixas, nin vacantes, nin vacacións”. “Iso supón peor atención aos veciños e veciñas e estamos nunha cuestión tan importante como é a saúde das persoas”, subliñou.

Ana Pontón co grupo municipal
Ana Pontón co grupo municipal

Poñendo no centro o caso de Corrubedo, a líder do Bloque indicou que “o Goberno do PP incumpre o seu compromiso de facilitar un facultativo a tempo completo, cunha total falta de respecto ás persoas que cada semana se manifestan reclamando un médico a tempo completo”. A raíz disto comprometeuse a levar ao Parlamento galego esta cuestión, anunciando que “o BNG reclamaralle á Xunta que cumpra con Ribeira e dote aos centros de saúde deste concello do persoal sanitario necesario porque coa saúde da xente non se xoga”.

O segundo tema que abordaron nesta visita institucional foi a mellora do sistema de benestar social. “Hai máis de dous anos que o Goberno do PP anunciou a construción dunha residencia pública de maiores e, sen embargo, non sabemos en que situación se atopa a tramitación desa residencia” denunciou Pontón recalcando que, a día de hoxe, “non se sabe nin se hai un plan, nin cal é o modelo, nin en que fase de licitación está o proxecto”.

Esta cuestión, “fundamental para atender as necesidades das persoas maiores”, tamén será levada ao Parlamento galego porque “xa rematou o tempo das promesas e hai que pasar aos feitos”, indicou. Ademais, o BNG tamén instará ao Goberno do PP na Xunta a que explique no Parlamento cal é a previsión de execución para  a prometida escola infantil en Aguiño feita pola Consellería de Asuntos Sociais en maio de 2023. Desde o BNG queremos aclarar que previsións hai con este equipamento social.

O terceiro aspecto entre a portavoz nacional do Bloque e o alcalde de Ribeira ten que ver co transporte público, tanto para escolares como para o conxunto da veciñanza. “É inaceptable que haxa alumnado que chega tarde ás clases ou ás súas casas porque non hai un servizo público ben planificado onde o benestar dos nenos e nenas estea por diante dos intereses económicos de ningunha empresa” declarou Pontón con contundencia.

A líder do BNG tamén puxo o foco en que “faltan frecuencias e horarios acaídos para facilitar a mobilidade da veciñanza entre parroquias, para ir ao hospital ou para desprazarse dentro do ámbito da comarca”. Cualificando esta situación de “inaceptable”, Pontón subliñou a necesidade de que “a Xunta non siga mirando para outro lado ante os problemas que ten este concello e aporte solucións”.

Un Goberno local que constrúe unha Ribeira con futuro

Con esta visita institucional, Pontón quixo coñecer de primeira man os asuntos máis urxentes en Ribeira e trasladarlle ao alcalde Luís Pérez, todo o apoio do BNG ás demandas do concello. Ademais, describiu a Pérez e ao seu equipo como “un Goberno local que traballa de maneira unida, con capacidade, pensando para facer de Ribeira un concello mellor, e sentando as bases dunha Ribeira con máis futuro”.

“Non pode haber unha sanidade pública de segunda para a veciñanza de Ribeira, non pode haber promesas incumpridas en materia de benestar social coa veciñanza de Ribeira, e a veciñanza de Ribeira tampouco ten que padecer as deficiencias que existen hoxe en día en materia de transporte público na vila”, concluíu Pontón. Fronte a isto, volveu amosar o seu compromiso de “levar todos estes asuntos ao Parlamento galego para que o Goberno do PP actúe xa de xeito xusto e a favor de Ribeira”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG