Galegas 2024

Ana Pontón compromete prezos xustos para as e os produtores locais e reforzar a rede de centros de día na Estrada

Ana Pontón na Estrada
Ana Pontón na Estrada

Avanza que un Goberno liderado polo BNG incrementará un 66% as axudas do Servizo de Axuda no Fogar para mellorar a atención ás persoas maiores

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, proseguiu a súa xira de precampaña cunha visita á feira da Estrada, onde aproveitou para destacar algunhas das medidas para este concello e o conxunto da comarca que ten previsto desenvolver o Goberno que aspira a presidir.  

Pontón puxo en valor nesta feira, referencia na comarca, a capacidade e potencialidade dos produtos locais e de proximidade, aos que considerou “sinónimo de calidade e dun rural vivo” e avanzou que o Goberno que aspira a presidir terá como unha das súas prioridades que as e os produtores teñan uns “prezos xustos” para que poidan vivir con dignidade dun traballo duro que debe ter “unha remuneración acorde co esforzo que se realiza”.  

Ana Pontón na Praza
Ana Pontón na Praza

Creo que hai moita xente que fai un traballo moi duro, que é a xente que fai posible que poidamos ter alimentos de calidade, e un dos compromisos que temos dende o BNG é que eses produtores teñan uns prezos xustos”, dixo, para sinalar como prioritario para un Executivo liderado polo Bloque ter “un País que produza cada vez máis alimentos, pero tamén onde a xente que faga esa parte do traballo dura teña a mellor remuneración e, polo tanto, unhas rendas dignas”.

Ante a posibilidade de gobernar o País a partir do 18F, a líder nacionalista apostou por “poñer ás persoas no centro” porque, segundo recalcou, isto é o que lle dá sentido á política, “pensar en como mellorar a vida da cidadanía” e, neste sentido, sinalou a atención ás persoas maiores, como outro dos ámbitos onde Galiza “ten que dar un salto adiante de xigante”.

Ana Pontón e unha praceira
Ana Pontón e unha praceira

Nesta liña, adiantou que, se obtén a confianza dos galegos e das galegas, vai incrementar nun 66% os recursos destinados á Axuda no Fogar, o que supón un aumento de 86 millóns de euros “para que sexamos capaces de atender mellor ás persoas que queren pasar a súa vellez nas súas casas, pero que teñen que facelo con servizos axeitados”, afondou.

Logo de advertir que hoxe en día hai moita xente en lista de espera neste ámbito de actuación pola falta de recursos, Pontón apostou por incrementar  o peso que teñen as políticas sociais e atender ás persoas maiores como se merecen.

“Iso tamén require dunha rede pública”, explicou para anunciar que un Executivo do BNG incrementará a rede de centros de día, “sabendo que A Estrada é un deses lugares que necesita un equipamento para darlle un mellor coidado ás persoas maiores e favorecer que estean no seu contorno familiar”.

Estes son algúns dos temas nos que a líder nacionalista quere avanzar porque, segundo salientou, “estámonos xogando algo tan importante como o dereito a unha vellez digna” ante unha cita electoral da que se mostrou convencida que, se toda a xente que quere construír un País mellor, aposta polo BNG, “imos facer historia e imos ter por primeira vez a unha muller na Presidencia coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”.

Neste sentido, a candidata do Bloque afirmou que a clave nas próximas eleccións galegas é que haxa unha importante mobilización, “unha participación histórica” e que o voto de cambio se concentre no BNG para “darlle a este País un Goberno á altura dos galegos e das galegas que nos permita recuperar a esperanza, recuperar servizos públicos, calidade de vida, oportunidades para a xente nova e ser capaces de encarar o futuro con optimismo”, concluíu.   

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG