Galegas 2016

Ana Pontón compromete unha nova lei de protección animal na visita ao centro Vacaloura

Ana Pontón no centro Vacaloura
Ana Pontón no centro Vacaloura

A candidata á Presidencia da Xunta polo BNG, Ana Pontón, visitou esta mañá o Santuario Animal Vacaloura, ubicado no Concello de Santiago, unha iniciativa pioneira no noso País a favor dos dereitos dos animais. Ana Pontón interesouse polo traballo que realizan as persoas que promoveron e/ou colaboran como voluntarias no Santuario para a recollida e coidado dos animais e tamén para a concienciación da necesidade de que a sociedade asuma como valores o respecto aos dereitos e ao benestar animal.

Ao mesmo tempo, Ana Pontón aproveitou para explicar as propostas do BNG en materia de Benestar animal, un programa en que destaca a prohibición da realización de touradas na Galiza e outros espectáculos con animais (en circos, tiro ao pombiño, etc).

Ana Pontón explicou que o BNG defende a elaboración dunha nova lei de protección de animais domésticos e de compañía, tomando en consideración as propostas das entidades protectoras e avogou polo recoñecemento legal da figura do Santuario animal dotándoos dos medios necesarios.

Segundo a candidata nacionalista, o BNG incorpora “medidas novedosas como a creación de simboloxia (tipo bandeira azul) que identificaría aqueles concellos con mellores prácticas en protección e benestar animal”, asi como campañas para o fomento de espazos públicos que permitan a presenza animais: transporte, comercio, hostelaría, entre outros.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG