Ana Pontón compromete en Lalín o apoio do BNG na defensa de máis sanidade pública e do sector agrogandeiro clave para o Deza

Acto Lalín
Acto Lalín

Sinala como prioridades o centro integrado de saúde e a segunda ambulancia medicalizada que o PP nega e aposta pola formación e a I+D+i na agrogandería 

Aposta por mudar o actual modelo eólico depredador e rebaixar as peaxes Lalín-Santiago nun encontro coa veciñanza no marco da rolda de encontros sociais que mantén o Bloque cara á elaboración do programa municipal marco

A portavoz nacional, Ana Pontón, comprometeu en Lalín o apoio do BNG na defensa da sanidade pública e do sector agrogandeiro da comarca do Deza, no encontro aberto que mantivo coa veciñanza e o tecido asociativo do concello, no marco da rolda de encontros sociais que o Bloque está desenvolvendo para coñecer de primeira man cales son as necesidades e as cuestións que máis preocupan nos pequenos e medianos concellos e incorporalas ao programa electoral municipal marco que presentará de cara ás próximas eleccións municipais.

Pontón sinalou a Lalín e á comarca como “exemplo do potencial que hai no interior e no rural”, cunha capacidade que, segundo subliñou, “necesita tanto na Xunta como no concello un goberno que en vez de restar, sume, que en lugar de buscar culpables, busque solucións e que dea alternativas”.

Acto Lalín
Acto Lalín

Solucións en materia de servizos que exemplificou no ámbito concreto da sanidade, apuntando dúas urxencias para a comarca: a ambulancia medicalizada e un novo centro de saúde integrado. “É impresentable politicamente que O Deza non conte cunha segunda ambulancia con soporte vital avanzado, a pesar de que se prometeu á cidadanía e mesmo se lle mentiu, porque segue sen contar con este recurso necesario para mellora a Atención primaria e salvar vidas”, afirmou, para engadir a continuación que, para o BNG, esta é “unha débeda que hai que saldar coa cidadanía de toda a comarca”.

De igual xeito, considerou “unha burla” que o prometido centro integrado de saúde que tiña que estar finalizado en 2019 siga sendo “unha promesa que non se materializa” e incidiu na urxencia, non só da infraestrutura, senón da súa completa dotación con “máis especialidades e máis persoal, porque seguimos tendo unha Atención Primaria colapsada”.

Así mesmo, a líder nacionalista defendeu a necesidade de fortalecer o sector agrogandeiro do Deza cunha aposta clara pola formación e a innovación e, neste sentido, propuxo que a comarca conte con ciclos formativos dirixidos ao sector para aproveitar ao máximo o seu potencial. Nesta liña, avogou por xerar máis industria arredor da produción agrogandeira baseada nunha aposta innovadora estratéxica para crear unha industria transformadora que xere” máis valor engadido e que dea máis oportunidades á xente nova da comarca”.

Pontón tamén quixo poñer o foco sobre o “boom eólico depredador” que está a ter unha resposta social moi ampla no Deza e, neste sentido, indicou que xa se ten dirixido ao presidente da Xunta para tentar acadar un gran acordo de País para parar ese boom depredador e “poñer a enerxía eólica ao servizo do País, respectando o medio rural, e sen que supoña inviabilizar as actividades agrarias que son estratéxicas para o rural”.

Por último, a portavoz nacional do BNG comprometeu tamén o traballo da organización nacionalista no Congreso para acadar, como mínimo unha rebaixa nas peaxes da autoestrada Lalín-Santiago, aínda que sinalou como obxectivo final ter unhas autoestradas “que non supoñan un sablazo e que poidamos ter unha mobilidade na que os criterios económicos non discriminen ás persoas”.  

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG