Ana Pontón compromete o apoio do BNG ao sector da automoción de Vigo

Encontro delegados sindicais
Encontro delegados sindicais

Tarifa eléctrica galega para que gane en competitividade e un plan industrial con investimentos da Xunta e do Estado que facilite a adaptación os novos retos tecnolóxicos, entre as medidas

Carme da Silva: “é fundamental que este sector sega a ser o motor económico que sempre foi para Vigo”

Na recta final de campaña, a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou un acto co sector da automoción en Vigo para apelar a todas as persoas que queren que Galiza conte é a todas as que están cabreadas cunhas forzas estatais que nin deron a cara polos galegos e galegas nin foron capaces de avanzar en dereitos e liberdades, como demostra un Lei mordaza e unhas contrarreformas laborais intactas. Por contra, asistiron a un debate no que viron como permitían “branquear” o discurso da extrema dereita antigalega.

“Temos que colocar a Galiza no mapa da política estatal e dar carpetazo á discriminación e ao pasotismo dunhas forzas estatais que foron inútiles á hora de defender os nosos intereses  e inútiles á hora de defender os dereitos sociais e laborais. O compromiso que temos é darlle voz propia a este país para facernos valer no Estado”, salientou Pontón.

“Galiza gana co BNG no Congreso, o voto ao Bloque significa solucións para os nosos problemas e oportunidades de futuro e tamén é un voto para frear á dereita na súa versión máis rabiosa a que, lonxe de plantar cara, se lle permite branquear un discurso antidemocrático, machista, racista e antigalego, que pide a ilegalización do Parlamento, do Goberno e do Estatuto e tamén a ilegalización do Bloque polo simple feito de levar no noso ADN a defensa de Galiza e do seu autogoberno”, argumentou. 

Pontón fixo estas declaracións tras un encontro co sector automoción, onde destacou a urxencia de tomar medidas para afrontar os retos tecnolóxicos e evitar repetir a situación das empresas electrointensivas, que hoxe teñen miles de postos de traballo en xogo por non ter adoptado as medidas necesarias para afrontar a transición enerxética.

“Non queremos que á automoción lle pase o mesmo por non ter os deberes feitos cun sector clave para Vigo e para Galiza, un sector de gran capacidade pero que tamén atravesa incertezas de cara o futuro”, indicou, para asegurar que “a forza que nós dean as urnas vai servir para poñer sobre a mesa os retos que ten que encarar o sector galego da automoción”.

Entre as propostas que o Bloque defenderá no Estado: a creación dunha tarifa eléctrica industrial á que se poidan acoller as empresas da automoción aproveitando este recurso do país para ganar en competitividade, plan de formación dos profesionais do sector para afrontar os retos tecnolóxicos derivados do cambio a vehículos menos contaminantes e recuperar a idade de xubilación os 61 anos para facilitar a renovación dos cadros de persoal e mellorar as condicións laborais.

Igualmente, un Plan para industria da automoción que aposte pola I+D+i, con financiamento tanto do Estado como da Xunta.

Inacción da Xunta e Goberno central

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, destacou a produtividade do encontro que permitiu recoller as inquedanzas de traballadores e traballadoras. Insistiu en que a automoción é un sector central en Vigo, un pilar fundamental de toda a produción industrial da comarca, da provincia de Pontevedra, e de parte de Ourense. Por iso,  “non podemos deixar que acabe tendo un grave problema por inacción de quen ten responsabilidade políticas tanto na Xunta como no Estado”. 

Subliñou que a representación que vai ter o BNG no Congreso “vai ser un apoio fundamental para tirar do sector da automoción”,  tanto para reivindicar as adaptacións tecnolóxicas necesarias, as adaptacións ás novas esixencias do mercado, como tamén para esixir o necesario investimento en investigación e innovación. “É fundamental que o sector da automoción siga a ser o que sempre representou en Vigo: un motor fundamental da produción industrial,  e imos traballar para que así sexa”, subliñou.

A nacionalista fixo fincapé en que o sistema de produción galego non pode quedar fóra da competitividade e explicou que, nun momento no que se está a presentar o debate sobre os vehículos no espazo público nas cidades, o BNG non está dacordo con prohibir os vehículos de combustión, senón que avogou pola adaptación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG