A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento a unha “mobilización masiva” este domingo en Santiago na manifestación convocada polas Plataformas en Defensa da Ría de Arousa e Ulloa Viva para dicir alto e claro, unha vez máis todas e todos a unha, “Altri non, Galiza si”.
“Que esta sexa unha gran marcha de dignidade para plantarlle cara á traizón do Partido Popular, que quere poñer unha bomba ambiental no corazón do rural do noso país, que quere pasar por riba da xente do rural e do mar e que quere hipotecar o noso presente e o noso futuro”, reclamou.
Logo dun encontro con representantes municipais do BNG nos concellos afectados polo proxecto da macrocelulosa, tanto na comarca de Arzúa Ulloa como na ría de Arousa, Pontón advertiu que “a día de hoxe o proxecto de Altri segue en pé” e o Goberno do PP “está onde estivo desde o principio, facendo de comercial” da multinacional portuguesa.
Por iso, para frear “a hipoteca e a ameaza” que representa a macrocelulosa para o presente e o futuro do País, considerou “clave e imprescindible” que haxa un gran rexeitamento social e unha mobilización masiva, como leva habendo desde que se coñeceu este proxecto.
A líder nacionalista incidiu en que Altri “é unha gran mentira do Partido Popular”, un embuste que comezou cando dicía que ía ser unha biofábrica téxtil e que se revelou cando, pasadas as eleccións, se soubo que, en realidade, era “unha macrocelulosa contaminante”.
“O Goberno do PP ten un estilo, que é o do bulo, e Altri é un exemplo máis desa forma de gobernar desde a mentira”, criticou, para denunciar a continuación que este proxecto é tamén o reflexo dun Executivo de Alfonso Rueda que “non ten ningún proxecto industrial de futuro para este País”, nin máis opción que “mirar para o pasado do franquismo industrial das macrocelulosas”.
Neste sentido, recordou como hai 63 anos o Franquismo impuxo Ence na ría de Pontevedra, “contaminando e arrasando cun espazo natural de primeira e con miles de postos de traballo”, e, agora, en pleno 2025, Rueda quere impoñer Altri, “unha bomba ambiental no corazón de Galiza que pon en risco máis de 20.000 empregos directos” tanto na terra como no mar’.
“Aniquilaron a riqueza da ría de Pontevedra, pero non lles imos permitir que fagan o mesmo coa ría de Arousa, coa comarca de Arzúa Ulloa ou co río Ulla, non imos permitir que poñan os intereses de Altri por diante dos intereses deste País e por diante dos galegos e das galegas”, advertiu.
Pontón preguntouse “canto tempo máis vai seguir Rueda facendo de comercial de Altri en lugar de defender o interese xeral de Galiza” e reclamou ao titular do Executivo que “deixe de manipular e de intoxicar” co “falso” dilema de ter que escoller entre industria e medio ambiente, unha disxuntiva que está resolta desde hai anos cun modelo baseado na sostibilidade.
“O que queremos son industrias sostibles porque non teremos futuro senón avanzamos desde aí, non hai ningún futuro con industrias contaminantes e depredadoras”, recalcou a portavoz do BNG, quen subliñou que Galiza “non é unha colonia das multinacionais” e reclamou “industrias do século XXI, non industrias do século pasado”.
“Estamos a favor de industrializar Galiza, pero non estamos a favor de contaminar o noso País”, sintetizou, para advertir que a cidadanía non vai permitir que lle coen como industrialización o que é “unha agresión medioambiental descomunal” que consumiría cada día máis auga que toda a poboación de Lugo.
A agresión medioambiental dunha multinacional portuguesa á que o Goberno do PP, por riba, quere darlle 250 millóns de euros para que “coloque en Galiza unha macrocelulosa contaminante que Portugal non quere”. “Se a macrocelulosa que quere instalar esta empresa portuguesa é tan boa, por que non a queren en Portugal?”, cuestionou a un Rueda que aínda non foi capaz de responder esta simple pregunta.
A portavoz nacional tamén recriminou ao presidente da Xunta que continúa “agochándose detrás dos técnicos” alegando que actúa en función dos informes técnicos, cando ignora os informes de persoal técnico que advirten do risco ambiental, social e patrimonial que provocaría Altri.
Nesta liña recalcou que “esta non é unha decisión técnica”, senón “unha decisión política que tomou no seu momento o Partido Popular antes de que existira nin un só documento sobre a mesa”. Unha decisión política, alegou, para favorecer a Altri e a Greenalia, empresa na que casualmente é directiva Beatriz Mato, exconselleira do Executivo do PP.
Un xeito de gobernar que exemplifica o “ben engraxadas que están as portas xiratorias” e como “o Goberno da Xunta está ao servizo das empresas amigas do Partido Popular”, cando o que necesita Galiza, concluíu, “é un goberno que se poña a traballar a favor dos galegos e das galegas”.