Ana Pontón: “Carballo é o exemplo do que queremos para Galiza”

Daniel Pérez, Evencio Ferrero e Ana Pontón
Daniel Pérez, Evencio Ferrero e Ana Pontón
Mostra a capacidade do BNG para gobernar transformando e mellorando a vida das persoas, desde a confianza no que somos como País, destaca

Proclama que Evencio Ferrero é o mellor alcalde da historia de Carballo e deixa un concello referente de dinamismo económico, social e cultural

O Carballo en grande que lega seguirá avanzando con paso firme da man do equipo de goberno da man de quen asume o relevo, Daniel Pérez

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a Carballo para acompañar a Evencio Ferrero no pleno municipal convocado para presentar a súa renuncia a Alcaldía, tras 22 anos como rexedor e máis de catro décadas na corporación, pleno ateigado de veciños e veciñas que quixeron compartir co alcalde a súa despedida.

Ao inicio do acto, a líder do Bloque destacou que Ferreo foi o mellor alcalde da historia de Carballo, “líder dun equipo extraordinario de homes e mulleres que pensaron Carballo en grande, que traballaron con humildade pero con ambición, ao lado da xente, sempre coa man tendida”.

Ana Pontón cas concelleiras e concelleiros de Carballo
Ana Pontón cas concelleiras e concelleiros de Carballo

Evencio Ferrero, subliñou, pon fin a unha traxectoria política “impecable e extraordinaria, e isto non é unha apreciación persoal motivada pola admiración e polo inmenso aprecio que lle teño”, declarou a líder do BNG, “senón que falan os feitos, a realidade dun Carballo que hoxe é un referente de dinamismo económico, social e cultural en toda Galiza”.

“Para min unha honra poder dicir que o éxito de Carballo é o resultado dun proxecto político claro, que demostra a capacidade do BNG de transformar en positivo e de mellorar a vida da xente nos concellos que goberna. Carballo é un éxito, o exemplo da Galiza que o BNG quere poñer en marcha, desde a confianza, desde o orgullo de saber que somos un gran País e un gran pobo”.

O mellor recoñecemento a Evencio é continuar traballando polo Carballo en grande que deixa como legado, indicou, convencida de que así vai ser, que o proxecto do BNG para Carballo “vai seguir con paso firme e con forzas renovadas”, impulsado por Dani Pérez, unha persoa que comparte co até agora alcalde o seu profundo coñecemento do concello e a súa paixón por Carballo.

“Os veciños e as veciñas poden ter a seguridade de que Carballo seguirá na mesma senda de progreso e de avance con Daniel Pérez que, ademais de contar cun equipo de goberno extraordinario, tivo a oportunidade de aprende do mellor”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG