Municipais 2023

Ana Pontón: “O BNG vai ter un resultado histórico nesta comarca e será decisivo na vida municipal dos concellos do Val Miñor”

Acto Val Miñor
Acto Val Miñor

Presentación de Iago Pereira como candidato á Alcaldía de Baiona;  Manuela Rodríguez, candidata en Gondomar e Xavier Rodríguez, en Nigrán

“Esta comarca precisa un BNG con máis forza nos concellos para darlle dinamismo económico e social e solucións ós retos de futuro”, proclama

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou esta tarde na presentación das candidaturas do BNG á alcaldía dos concellos do Val Miñor: Iago Pereira en Baiona; Manuela Rodríguez en Gondomar e Xavier Rodríguez en Nigrán. A líder do BNG destacou da candidata e dos candidatos “que son persoas que teñen as ideas claras para mellorar a vida da veciñanza, para transformar en positivo e para facer avanzar esta comarca”.

Puxo como exemplo da capacidade do BNG á hora de liderar e aportar solucións “o traballo desenvolvido polo grupo municipal no concello de Baiona, en áreas clave como o medio ambiente, a participación veciñal, igualdade ou mocidade, que marcou nos últimos tempos a diferenza no goberno municipal”, polo que se mostrou convencida de que o Bloque terá un apoio reforzado nas próximas eleccións do 28 de maio con Pereira como cabeza de candidatura.

Manuela R. Pumar
Manuela R. Pumar

Pontón tamén destacou “a capacidade de traballo, rigor e recoñecemento social” de Manuela Rodríguez,  poñendo en valor a súa “enerxía imparable cando hai que defender os intereses de Gondomar”, o que seguro será valorado pola veciñanza de cara a vindeira cita electoral. Igualmente, augurou que “en Nigrán o BNG terá máis forza que nunca con Xavier Rodríguez porque son maioría os veciños e as veciñas que queren que o Bloque xogue un papel decisivo neste concello”.

A portavoz nacional amosou a súa visión sobre Baiona, Gondomar e Nigrán, poñendo o foco na necesidade inmediata de ter gobernos con ideas e propostas en ámbitos nos que a sociedade afronta grandes retos de futuro na actualidade. Todo isto pasa por “preservar un territorio ameazado polo espolio eólico, a mellora dos servizos públicos, un turismo sustentable que non derive en consecuencias que prexudiquen aos propios veciños e veciñas como o incremento do prezo da vivenda”, indicou.

Pontón quixo deixar claro que a formación nacionalista “ten un proxecto de futuro para os concellos do Val Miñor, e por iso este 28 de maio imos  ter un resultado histórico que converterá ao BNG nunha forza política decisiva na vida municipal de Baiona, Gondomar e Nigrán, poñendo ás persoas no centro e dotando as vilas de maior dinamismo económico e social”.

Iago Pereira
Iago Pereira

Unha Baiona con máis servizos

Na súa intervención, Iago Pereira subliñou que o BNG demostrou ser “unha organización política responsábel para gobernar e que traballa negociando e realizando propostas construtivas que benefician aos nosos veciños e veciñas en Baiona”. Adiantou algunhas das propostas do programa do Bloque, como a creación dun parque de vivendas protexida na parcela municipal dos Tendais, a humanización de rúas e unha forte aposta polas comunidades enerxéticas.

En canto as eleccións municipais, Pereira asegurou que o Bloque “aspira a seguir sumando apoios e obter un amplo respaldo do electorado para ter unha maior forza que nos permita seguir construíndo unha Baiona máis ecolóxica, feminista, humanizada e con servizos municipalizados de calidade”.

Gondomar con máis oportunidades

A candidata do BNG á alcaldía de Gondomar, Manuela Rodríguez, destacou que a candidatura nacionalista ten unha idea clara: “Traballar por e para a xente, sabendo que Gondomar é máis que o seu casco urbano”. Nese sentido, destacou que conta cun proxecto para as próximas municipais “moderno e dinámico, serio e rigoroso, pensado para conseguir unha mellor calidade de vida nun concello con servizos públicos para todos e todas e en todas as parroquias”

Rodríguez chamou a construír un Gondomar con “oportunidades” diante da “parálise” na que o ten sumido o actual Goberno municipal, que se demostrou estes anos “incapaz” de dar resposta ás necesidades veciñais e de facer avanzar o concello, como evidencia a falla de orzamentos actualizados durante máis dunha década ou dun novo PXOM. “O Bloque aspira a un concello que escoite e responda ás necesidades, non a un Gondomar gobernado desde o facebook e que menospreza a calquera veciña e veciño que traslada unha queixa ou problema”.

Xavier Rodríguez
Xavier Rodríguez

Espazos naturais de Nigrán, prioritarios

Pola súa parte, o candidato á Alcaldía de Nigrán, Xavier Rodríguez, quere “un Nigrán que non expulse ás nosas fillas porque non poden acceder a unha vivenda ante o prezo desorbitado que ten no noso concello por culpa da especulación urbanística, da influencia do alugueiro turístico e, sobre todo, da falla de políticas de promoción pública de vivendas por parte da Xunta e do goberno municipal”.

“Queremos recuperar os nosos espazos naturais, non nos resignamos a que a Foz do Miñor sexa unha cloaca a ceo aberto, queremos que se inicie dunha vez e en serio a súa rexeneración. Como a desembocadura do río Muíños e o seu leito, queremos que a preservación ambiental sexa unha política incuestionábel no próximo mandato en Nigrán”, destacou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG