Ana Pontón: “O BNG vai a seguir firme man a man coa veciñanza para recuperar o servizo de urxencias en Moaña”

Visita Moaña
Visita Moaña

Comprométese a redobrar esforzos no Parlamento para que os veciños e veciñas teñan os mesmos servizos sanitarios que tiñan antes da pandemia

A alcaldesa Leticia Santos recorda que a sanidade pública é un dereito fundamental ao que o concello non vai renunciar

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG “vai a seguir firme” man a man coa veciñanza para recuperar o servizo de urxencias en Moaña e comprometeuse a redobrar esforzos no Parlamento para que as e os moañeses “teñan o que lles corresponde e é de xustiza”, é dicir, “os mesmos servizos sanitarios que antes da pandemia”.

Así o manifestou antes do encontro que mantivo coa mesa local da sanidade de Moaña, na que participou xunto á alcaldesa, Leticia Santos, a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montserrat Prado, e o deputado pola comarca, Paulo Ríos.

Pontón subliñou o “exemplo de dignidade” na defensa da sanidade pública dunha veciñanza que, co goberno municipal liderado por Santos ao lado, leva 190 semanas reclamando a recuperación do PAC, así como a cobertura de todas as vacantes de médicos e médicas, especialmente na quenda de tarde.   

Unha dignidade que confrontou coa “soberbia e a prepotencia” do Goberno de Alfonso Rueda, que continúa “facendo ouvidos xordos” a unha reclamación que cualificou “de xustiza”. Neste sentido, lembrou que o servizo de urxencias foi suprimido polo Goberno do PP coa escusa da pandemia e a día de hoxe aínda non o recuperou, pese ao seu compromiso de reforzar os servizos públicos.

“Hoxe, o que pasa en Moaña é que teñen menos servizos públicos que antes da Covid”, denunciou, para advertir a continuación do deterioro da atención sanitaria nunha localidade que ten 20.000 habitantes que, ademais, se ve substancialmente incrementada durante os meses de verán.

Neste contexto, avanzou que o BNG vai redobrar os esforzos no Parlamento galego para que “os veciños e veciñas de Moaña teñan o que lles corresponde e é de xustiza”, é dicir, “os mesmos servizos sanitarios que tiñan antes da pandemia”.

“Imos redobrar os esforzos para que se recupere ese servizos do PAC e para que se garanta a cobertura de todas as vacantes que hai neste momento, porque sabemos que, cando unha persoa non ten un médico ou unha médica asignada, iso vai nun deterioro da súa saúde”, afondou. “Hai informes científicos que así o acreditan e, polo tanto, estamos falando da saúde das persoas e coa saúde non se xoga”, sintetizou.

A líder nacionalista lamentou que esta situación non se limita excepcionalmente a Moaña, senón que o Goberno do PP leva 16 anos aplicando unha política de recortes e privatizacións na sanidade pública que sofre o conxunto dos galegos e das galegas. “E isto faino por ideoloxía, porque o quere o Partido Popular é que a saúde sexa un negocio”, denunciou.

Neste sentido, lembrou a listas de espera para acudir ao médico ou médica de cabeceira que, como en Moaña, se están rexistrando por todo o País; as miles de persoas que non teñen ningún facultativo asignado ou as listas de espera para probas especializadas, que son superiores ás que había antes da COVID, o que cualificou de “auténtico sen sentido”.   

A portavoz nacional advertiu que esta situación sanitaria vaise volver tensionar durante o verán en concellos que, como o moañés, incrementa a súa poboación polo turismo. “É necesario reforzar non só os PACs, senón tamén os servizos de atención primaria, con máis persoal para poder atender a poboación”, pediu á Xunta.

Na mesma liña, reclamou ao Goberno do PP que manteña operativos todos os servizos, tanto de camas e quirófanos, como de probas diagnósticas, realizando as contratacións e substitucións de persoal precisas. “Porque se non se contrata persoal neste momento o que se fai é que se seguen agrandando unhas listas de espera que xa son moi importantes”, recalcou, para pedir a continuación ao Executivo de Rueda que lle ofreza boas condicións laborais ás e aos profesionais.

“Acabar coa precariedade é o que vai facer que moitos médicos e médicas non escollan a opción de marchar a outros lugares, porque o problema de fondo é a precariedade e o maltrato que o Partido Popular leva cometendo nos últimos anos contra un persoal ao que hai que recoñecerlle o seu esforzo, a súa valía e a súa capacidade, porque é o mellor que ten o sistema”, concluíu.

Pola súa parte, a alcaldesa de Moaña explicou que o concello solicitou a reunión da mesa local da sanidade co grupo parlamentario do BNG ante a falta de resposta da Consellería de Sanidade sobre a recuperación do servizo de urxencias e a cobertura das vacantes médicas.

“Desde Moaña levamos moitísimos anos loitando pola sanidade pública, cremos que é un dereito fundamental para a nosa veciñanza e ao que non imos renunciar”, sintetizou logo de poñer en valor o carácter “reivindicativo” dos moañeses e moañesas á hora de defender o seu dereito a ter un servizo público sanitario de calidade.

Neste sentido, concluíu recordando que na mesa local da sanidade están representados, ademais da Plataforma de Defensa da Sanidade Pública, todos os partidos políticos con representación na corporación municipal, así como diversos colectivos sociais implicados na defensa destes dereitos e “dunha atención primaria digna” na vila.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG