Municipais 2023

Ana Pontón: “O BNG é a papeleta das persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón e queren máis para os seus concellos”

Acto Moaña
Acto Moaña

“Saímos a gañar”, proclama, e augura un resultado “espectacular” porque o avance do BNG é imparable e así o recollen todas as enquisas

En Moaña destaca que Leticia Santos seguirá facendo historia o 28M como alcaldesa e recalca que haberá máis BNG en todo o Morrazo

A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo no mitin de Moaña para acompañar á actual rexedora e candidata á reelección, Leticia Santos, de quen destacou que seguirá sendo a mellor alcaldesa dun concello que o BNG converteu nun referente dentro e fora do País, pero instando tamén a mobilizarse nesta recta final de campaña “porque non vale confiarse”.

De cara o 28M Pontón instou a unha participación masiva, “encher as urnas de papeletas do BNG para darlle esperanza, ilusión e futuro deixando atrás ao PP e as súas políticas que fan Galiza máis pequena”, é o momento, dixo, “de abrir un tempo novo e fronte a un Partido Popular esgotado que xa é pasado, o BNG representa e o presente e o futuro, desde a confianza nas nosas propias forzas”, proclamou desde Moaña.

Acto Moaña
Acto Moaña

A líder nacionalista insistiu en que o BNG “é a papeleta das persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón e queren máis para os seus concellos”, ao tempo que poñía en valor o modelo municipal de éxito que quere estender por todo o País, “porque a mellor política municipal de Galiza é a que fan os gobernos do Bloque, sinónimo de prestixio, de calidade, capaz de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, con solucións de vangarda aos grandes retos que están sobre a mesa, son concellos eficaces na xestión e que logran dinamismo no económico, no social e no cultural”, sintetizou.

Con ese aval, Pontón augurou un resultado “espectacular” para o BNG nas eleccions do 28M. “Imos dar un gran salto adiante porque levo meses percorrendo o País e cada vez vexo máis forza, máis persoas sumándose ao BNG, tal é así que até as enquisas o recoñecen, e imos superar outra vez todas as enquisas”, recalcou.

“Saímos a gañar estas eleccións sen poñernos límites e sabendo que a enquisa que vale é a do 28 de maio, polo tanto, hai que mobilizarse para empezar a construír unha Galiza en grande, concello a concello”, destacou.

E para avanzar nesa transformación en positivo, Pontón insistiu en chamar a participación masiva de toda as persoas que queren unha Galiza en grande na sanidade, con servizos públicos de calidade; mobilizarse para que a riqueza do País se poña ao servizo do País; mobilizarse para que a mocidade teña futuro aquí; mobilizarse para conseguir concellos con máis benestar, con máis calidade de vida, feministas, con xustiza social, nos que as persoas sexan o centro da acción política.

Acto Moaña
Acto Moaña

“Encher as urnas de papeletas BNG é a mellor maneira de derrotar ao PP”, destacou indicando que este é “o momento de participar, de reivindicar a política con maiúsculas porque é a ferramenta que temos a xente do común para construír unha sociedade mellor”.

Fronte a un PP “desnortado”, sen nada que ofrecerlle a Galiza, a alternativa é o BNG , insistiu, ao tempo que instaba a aproveitar ao máximo o que queda de campaña, “porque saímos a ganar un futuro mellor para Galiza, como o que o BNG construíu en Moaña da man de Leticia Santos”.

“Hoxe Moaña é un concello recoñecido e premiado polo seu urbanismo, pola súa mobilidade, pola súa aposta pola sustentabilidade, e todo iso grazas ao modelo municipal de éxito do BNG, man a man coa veciñanza e cun equipo liderado por unha alcaldesa que xoga na Champions League”, indicou, por iso o 28M en Moaña só hai unha alternativa: “encher as urnas de votos ao BNG para que Moaña siga o seu avance imparable”.

“Leti representa a capacidade do BNG para transformar en positivo, porque alí onde gobernamos demostramos eficacia na xestión por suposto, pero tamén a nosa capacidade para transformar vilas e cidades á favor da veciñanza mellorando a vida das persoas”, recalcou pronosticando máis BNG en todo O Morrazo tras o 28M.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG