Ana Pontón: «o BNG comparte coa activista chilena Elisa Loncón a defensa da pluralidade nacional, lingüística e cultural»

Elisa Loncón, Ana Pontón e Ana Miranda
Elisa Loncón, Ana Pontón e Ana Miranda
Igual que no país andino tras a vitoria de Boric, o Bloque traballa en Galiza para abrir un tempo novo e liderar o cambio político no Goberno galego

A portavoz nacional, Ana Pontón,  destacou que o BNG comparte coa activista chilena e presidenta saínte da Convención Constitucional do país andino, Elisa Loncón, “a defensa da plurinacionalidade, da pluriculturalidade e do plurilingüismo, como elementos que teñen que fortalecer a democracia e como clave para poder frear o malestar social que se está vivindo en diversas partes do mundo”.

Así o manifestou en declaracións aos medios momentos antes de protagonizar xunto a Loncón unha conferencia-coloquio sobre a plurinacionalidade dos pobos, organizada pola Fundación Galiza Sempre no marco do ciclo “Diálogos na Periferia” e que estivo moderada por Ana Miranda, como coordinadora da Área de Internacional do BNG.

Logo de agradecer a presenza en Galiza da académica e lingüista mapuche, referente activista polos pobos orixinarios de Chile e considerada por Financial Times como unha das 25 mulleres máis influentes do mundo, Pontón puxo en valor os puntos de unión compartidos, entre os que destacou “unha visión na que entendemos que a loita contra o papel das grandes empresas e a defensa do medio natural é un elemento clave”. Neste sentido, sinalou a mobilización que se está vendo en Galiza, por exemplo, contra as celulosas, a eucaliptización ou a depredación do territorio co bum eólico, “no que os recursos naturais non se utilizan para poder mellorar a vida das persoas”.

Elisa Loncón, Ana Pontón e Ana Miranda“Tamén nos une a ilusión que está xerando o cambio político que se vive neste momento en Chile, un cambio que detrás ten á mobilización social, unha mobilización que foi clave en Chile e que tamén está sendo clave en Galiza á hora de denunciar ese bum eólico depredador, a privatización da sanidade ou os recortes de dereitos e liberdades que se levan producindo nos últimos tempos”, incidiu para recalcar a continuación, que a esperanza que xera o novo proceso constituínte chileno “é a mesma esperanza coa que nós queremos construír en Galiza un cambio da man do BNG” con todas as persoas que están protagonizando todas esas mobilizacións e tamén “coa forza das mulleres e o feminismo, que vemos como enchen as rúas cada 8M no noso País”.

“Con toda esa esperanza é coa que queremos contribuír a que eses procesos de cambio -tendo en conta as diferenzas, pero tamén os puntos de unión- se dean e cheguen a Galiza da man do BNG”, concluíu a líder nacionalista.

Pola súa banda, e logo de agradecer o convite para participar no ciclo de conferencias-coloquio da Fundación Galiza Sempre, ao que chega logo de recibir o premio René Cassin de dereitos humanos concedido polo Goberno vasco, Loncón apuntou que o gabinete do novo presidente chileno, Gabriel Boric, presentado onte con 14 mulleres e 10 homes, “xa augura ese cambio que estamos instalando da paridade” e que, segundo afirmou, tamén incorpora a presenza da pluralidade nacional e da “diversidade sexoxenérica”.   

Para Loncón, “a democracia constrúese con todas as diferenzas e con todos os pobos; non é suficiente unha democracia representativa, senón unha democracia directa, unha democracia coa participación cidadá e unha democracia intercultural que respecte, recoñeza e dialogue con todos os pobos” e, nesta liña, concluíu asegurando que “os pobos indíxenas estamos á espera dese sinal contundente do novo goberno en materia de plurinacionalidade”.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG