Ana Pontón avanza que o BNG proporá a inclusión nos Orzamentos dun ‘Plan Baixo Ulla’ cun investimento de 10 M€ en dous anos

Visita Pontecesures
Visita Pontecesures

Avoga por desenvolver un plan de rexeneración dos ecosistemas de ríos e rías e por crear unha Axencia do Clima e a Meteoroloxía

Acusa ao Goberno do PP de aplicar políticas que, na vez de loitar contra a emerxencia climática, son “unha fábrica de cambio climático”

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou hoxe que o BNG vai defender a inclusión nos Orzamentos 2026 da Xunta do ‘Plan Baixo Ulla’, unha iniciativa que suporía o investimento de 10 millóns de euros nos próximos dous anos.

Así o anunciou desde Pontecesures, onde mantivo primeiro unha reunión coa alcaldesa, Maite Tocino, e o seu equipo de goberno e, a continuación, participou no acto organizado polo Bloque con motivo do Día Internacional contra o Cambio Climático, ao que tamén asistiron a propia rexedora e as deputadas Montserrat Prado e Rosana Pérez, así como responsables locais e comarcais no Baixo Ulla.

Fronte a un PP que “está poñendo en risco o río Ulla”, Pontón mostrou o compromiso do BNG con proxectos que contribúan ao desenvolvemento económico desta área xeográfica e explicou que o ‘Plan Baixo Ulla’ está articulado sobre dez grandes liñas de actuación, entre as que destacou as relacionadas co coidado do río, con medidas concretas que permitirían reducir a carga contaminante do ecosistema do Ulla.

De igual xeito, destacou a planificación do desenvolvemento dos solos empresariais nesta área xeográfica, a creación dunha marca propia que identifique o turismo de calidade do Baixo Ulla ou a posta en marcha dunha iniciativa cultural que aglutine a todas as personalidades vinculadas a este espazo xeográfico, entre os que citou a Seoane, Rosalía ou Castelao, e que “podería ser tamén un eixo de desenvolvemento”.

“Esta é unha iniciativa importante para nós que imos levar aos Orzamentos da Xunta, onde imos propoñer que se invistan nos próximos dous anos 10 millóns de euros que permitan o desenvolvemento económico, social e de sustentabilidade do Baixo Ulla, unha zona que ten un valor moi importante e que necesita ese apoio por parte do Goberno galego”, afondou.

A portavoz nacional tamén defendeu as propostas do BNG para facer fronte á emerxencia climática, entre elas, o denominado ‘Plan Ríos Rías’ para a rexeneración destes ecosistemas, a aposta por un cambio de modelo forestal a través dun monte multifuncional e a creación dunha Axencia do Clima e a Meteoroloxía.

Neste sentido, explicou que o ‘Plan Ríos Rías’ deseñado polo Bloque posibilitaría a recuperación medioambiental e a rexeneración destes ecosistemas para garantir un bo estado das augas, o que permitiría recuperar a súa produtividade e os seus usos sociais e ambientais, dada a súa importante función ecosistémica.

En segundo lugar, avogou por deixar atrás a política forestal fracasada do Goberno do PP, apostando por un novo modelo articulado sobre un monte multifuncional e vivo que garante o futuro do medio rural. “Non podemos seguir cun modelo fracasado que, ademais, nos pon en risco como vemos cada verán cos incendios”, advertiu.

Por último, destacou como terceira proposta que a Xunta reclame as competencias en meteoroloxía para crear unha Axencia do Clima e da Meteoroloxía que permita abordar o reto do cambio climático impulsando políticas específicas con este obxectivo e desenvolvendo estudos neste ámbito de actuación. “En definitiva, ter máis instrumentos para enfrontar un dos grandes problemas que temos neste País e que ten a humanidade como é o desafío da emerxencia climática”, sintetizou.

A líder nacionalista confrontou as propostas do BNG coa inacción dun Goberno do PP “que actúa con desnorte neste tema” e que “avanza claramente ás posicións do negacionismo”.

Neste sentido, advertiu que se os Orzamentos son o mellor reflexo dos compromisos dun goberno, os presentados polo Executivo de Alfonso Rueda para 2026 demostran a súa “falta de compromiso e de visión” á hora de poder enfrontar as consecuencias do cambio climático. Abonda con analizar as contas da Consellería de Medio Ambiente, que sofre un recorte do 10% e que é a segunda consellería que menos investimento ten por parte da Xunta, incidiu.

Pontón tamén denunciou que, lonxe de ter en conta o actual contexto de cambio climático, os proxectos do Goberno do PP “son proxectos extractivistas que poñen en risco o coidado do medio ambiente”, tal e como exemplifican a macrocelulosa de Altri ou a Mina de Touro.

“Polo tanto, vemos a un Goberno da Xunta que non está sendo capaz de enfrontar o desafío que supón o cambio climático, ao contrario, as súas políticas son unha fábrica de cambio climático e están indo claramente na dirección contraria”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG