Ana Pontón avanza unha ofensiva política do BNG contra as peaxes nas autovías

Ana Pontón
Ana Pontón

“O Estado ten unha débeda histórica con Galiza en infraestruturas”, denuncia ademais, ante esta medida que é antisocial e discriminatoria

Urxe ao Goberno central a aplicar dunha vez a rebaixa da AP9 en lugar de idear novas vías de saquear as economías familiares e ás PEMES

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou unha ofensiva política do BNG no Parlamento, no Congreso e nos concellos contra a medida do Goberno do Estado de cobrar peaxes por circular polas autovías, unha medida que tacha de antisocial, discriminatoria, que só busca facer caixa e que prexudica especialmente a Galiza pola súa condición periférica.

“O anuncio está xerando unha gran preocupación e oposición social, tanto entre a cidadanía do común, que ve con escándalo un novo saqueo a unhas economías familiares moi debilitadas, como entre as empresas, porque a medida afectaría de cheo  a súa competitividade en particular das que dependen das autovías para exportar os seus produtos”, salientou Pontón.

O Bloque traslada a súa total oposición a unha medida “que só ten afán recadador e que ten como único beneficiario ás multinacionais da construción”, denunciou,  de aí a ofensiva política que empezará cunha proposición non de lei no próximo Pleno da Cámara “para conseguir unha declaración unánime de Galiza ante esta medida”, que seguirá con mocións nos concellos para trasladar o debate ao conxunto do País, e no Congreso, con iniciativas para que o Goberno central retire esta medida.

Para a líder do BNG, a proposta é especialmente negativa para Galiza por tres circunstancias: a condición periférica, o menor nivel de renda da cidadanía e por un infra-desenvolvemento das redes públicas de transporte por unha discriminación que fai que este País careza de infraestruturas que outros territorios desfrutan dende fai décadas.

“O Goberno do Estado ten unha débeda histórica con Galiza en infraestruturas”, subliñou Pontón, ao que se suma o lastre de soportar peaxes elevadísimas en vías estratéxicas como a AP9, mentres outras Autonomías contaban con autovías gratuítas que lles daba vantaxe para avanzar no seu desenvolvemento. “Polo tanto, o que debe facer o Executivo de Sánchez é aplicar dunha vez por todas as rebaixas das peaxes da AP9 negociadas co BNG en lugar de idear novas formas de penalizar a maioría social”.

A formación nacionalista lembra que a medida foi deseñada por un Executivo do PP, que xa en 2012 e con Ana Pastor como ministra de Fomento levou o asunto á Comisión de asuntos económicos do Goberno e que estimaba unha recadación superior aos 2.700 millóns de euros. “Agora é o PSOE quen colle o relevo e pretende aplicar unha proposta lesiva para Galiza”, criticou Pontón, ademais esgrimindo argumentos falaces.

Neste sentido, denunciou, é falaz que sexa unha medida ecolóxica, “porque verde sería fomentar o transporte colectivo, pero en Galiza vemos que, coa excepción do eixo A Coruña-Vigo, hai un desmantelando progresivo dos servizos por tren”. É falaz considerar que se trata dunha medida social, pois faille pagar aos traballadores e traballadoras dúas veces polas mesma infraestrutura, unha a través dos impostos e outra a través das peaxes.

E é falaz o argumento de que quen usa paga, “porque se trasladamos esa premisa a outras infraestruturas ou servizos públicos, as persoas que non teñen fillos poderían alegar que non teñen que pagar as escolas infantís ou o sistema universitario porque non o van usar”, alegou a portavoz do Bloque.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG