Galegas 2024

Ana Pontón avanza un novo modelo público de atención ás persoas maiores

Acto Vellez digna
Acto Vellez digna

Avanza que un goberno do BNG reforzará o servizo de axuda no fogar, aumentará as prazas de centros de día e reducirá as listas da dependencia

Estender o servizo xantar na casa e un programa de promoción da actividade física, entre as medidas que propón o Bloque nunha aposta por promover a autonomía e loitar contra a soidade non desexada das persoas maiores

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, avanzou que un goberno liderado polo BNG porá en marcha un novo modelo de atención ás persoas maiores no que se dará prioridade aos coidados na casa, co fin de garantir “unha vellez digna, tranquila e activa”. Un modelo que, asegurou, fortalecerá e ampliará a rede de servizos públicos para potenciar a autonomía persoal e prever a dependencia dende os coidados, no que as residencias “serán o último recurso”.

“Neste eido precisamos tamén dar un gran cambio”, proclamou nun encontro con persoas deste colectivo no que avanzou algunha das principais propostas do BNG para “dar aos maiores o coidado que se merecen”. Adiantou, neste sentido, que o reforzo da atención no propio domicilio será unha das claves de goberno. Para iso, comprometeuse á ampliación do servizo de xantar na casa, que hoxe só chega a 2.000 persoas, unha medida coa que ademais de coidar a alimentación dos maiores servirá para loitar contra a soidade non desexada.

A candidata do BNG comprometeu tamén a posta en marcha dun servizo de orientación e promoción da actividade física, en colaboración cos concellos, destinado ás persoas de máis de 65 anos con vida sedentaria que por propia vontade ou por indicación médica queiran mellorar a súa condición física e a súa calidade de vida.

Ademais, no que se refire á reforzo da atención no fogar, outra das medidas será fomentar actividades comunitarias para loitar contra a soidade non desexada, a través da participación social e o tecido asociativo con programas de voluntariado e actividades de interxeracionais de lecer. “As persoas maiores teñen unha gran aportación que facer ás xeracións máis novas”, apuntou.

A ampliación da rede pública de servizos sociais de atención á dependencia será así mesmo prioridade no modelo que propón o BNG porque “non todo o mundo ten a sorte de chegar a esta etapa da súa vida con plena actividade, pero ten que ter a seguridade e a tranquilidade de que vai ter un colchón social que o vai atender, que nunca vai estar soa e que sempre haberá alguén ao seu carón”.

Pontón avanzou, neste punto, que se é presidenta reforzará o servizo de axuda no fogar (SAF), ao que destinará 86 millóns de euros para mellorar a súa calidade e que chegue a máis familias. A proposta nacionalista pasa por incrementar o financiamento deste servizo de 12 a 20 euros por hora, o que permitirá non só atender a mais persoas senón tamén mellorar as condicións laborais das traballadoras, subliñou.

Un centro de día en cada comarca

“Imos facer unha aposta moi potente por incrementar os centros de día”, continuou Pontón, situando o seu obxectivo en ofertar dúas prazas por cada 100 maiores e garantindo que haxa cando menos un centro de día por cada comarca.

Acto Vellez digna
Acto Vellez digna

Pontón apostou, por outra banda, por cambiar o actual modelo de residencias e camiñar cara un modelo “máis personalizado, de centros máis pequenos e con xestión pública”, garantindo que as residencias de fundación públicas que se entreguen á Xunta non sexan privatizadas, senón de xestión directa.

A candidata á presidencia amosou a súa determinación de “cumprir a lei” no que ten que ver coa dependencia e, neste sentido, destacou a súa determinación de acabar coas listas de espera garantindo que no prazo máximo de seis meses todas as persoas terán resolta a valoración e a correspondente axuda. Para iso, co BNG no goberno da Xunta vaise multiplicar por dous o persoas dos equipos de valoración. “Non podemos esquecer que detrás de cada expediente hai unha persoa e hai unha familia á que atender”, dixo.

No encontro celebrado en Santiago, Pontón transmitiulles aos maiores a necesidade de “cambiar o prisma” na atención aos maiores despois de quince anos dun goberno do PP que deixa un modelo “totalmente privatizado” que fai negocio coa vellez, un modelo no que o 80 % das prazas de residencia son privadas, no que o tempo de espera para ter unha praza de residencia é de até dous anos ou no que case 2.400 persoas están en lista de agarda para que lle sexa recoñecido o seu grado de dependencia.

“En lugar de apostar por un modelo público de coidado das persoas maiores, o PP leva quince anos engordando o negocio privado”, denunciou Pontón, que subliñou que en 15 anos de goberno, o Executivo do PP non construíu nin unha soa residencia pública e con xestión pública. Só en 2024, engadiu, o Executivo de Rueda destina máis de 100 millóns en concertos e privatizacións de residencias.

Iria Carreira: “O modelo do PP é inxusto e non atende ás familias”

No encontro cos maiores participou tamén a candidata pola Coruña Iria Carreira, que afondou en que, fronte ao modelo para unha vellez digna do BNG, o do PP é “inxusto socialmente, inxusto territorialmente e fai que as familias se vexan desasistidas e as persoas desamparadas ante a necesidade de coidados”.   “Desde o BNG entendemos que as persoas teñen que estar no centro de todas as políticas públicas e sobre todo as máis vulnerables, que son as que precisan unha maior atención”, agregou.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, foi a encargada de abrir o acto cunha intervención na que destacou o modelo que están a impulsar os concellos do BNG para “poñer ás persoas no centro e garantir unha vellez digna”.  

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG