Ana Pontón atribúe o retraso na elaboración dos orzamentos de 2021 a que Feixóo non ten unha folla de ruta para saír da crise

Ana Pontón
Ana Pontón
Empeza a lexislatura cun incumprimento, critica, cando máis urxe ter presupostos porque os actuais nada teñen que ver co contexto COVID19

A portavoz nacional, Ana Pontón, interpreta o anuncio de Feixóo de retrasar a elaboración dos orzamentos da Xunta para 2021 como a proba de que non ten proxecto para sacar a Galiza da crise económica e social que trouxo consigo a pandemia, e lamentou que o xefe do Executivo empece a lexislatura cun incumprimento que afecta as contas públicas precisamente cando son máis necesarias que nunca, pois os presupostos en vigor foron deseñados para un escenario que nada ten que ver co actual.

“Feixóo inicia a lexislatura de mala maneira que é incumprindo unhas das súas propias promesas e con escusas de mal pagador porque tamén noutras ocasións se descoñecían datos macroeconómicos como o teito de gasto que manexaba o Estado e iso non impediu elaborar os orzamentos”, argumentou Pontón, que critica o retraso na redacción  dun instrumento clave en toda acción de goberno.

“O problema de fondo é que non hai un proxecto de país nin unha alternativa para afrontar a crise económica e social derivada da COVID19 porque de ser así se plasmaría no principal instrumento que determina a acción dun goberno, a súa folla de ruta. Volve improvisar e deixa en evidencia que non ten alternativa de futuro, nin ruta clara nun momento en que é máis urxente ter eses orzamentos en tempo e forma”, explicou antes os medios nun almorzo informativo en Vigo.

“Feixóo comprometeuse a que habería esas contas para empezar a funcionar o 1 de xaneiro pero o que vemos é un novo bandazo e unha nova improvisación. Galiza ten unhas contas deseñadas nun contexto que en nada se parece ao actual e sorprende que un goberno que ten maioría renuncia a aprobar cando corresponde uns orzamentos que son a principal folla de ruta de calquera Executivo”, afondou, “por contra o feito de que o Estado elimine algunhas das restricións que viña operando até agora dálle máis marxe de manobra ao goberno galego para aprobar as contas sen estar pendente do que decidan en Madrid”.

Para a líder nacionalista, o incumprimento do presidente da Xunta “é un exemplo máis de como Feixóo parece máis interesado en facer seguidismo da estratexia partidista de Pablo Casado que de defender os intereses de Galiza”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG