Ana Pontón asume liderar o reto colectivo do BNG para Presidir Galiza en 2024

Ana Pontón
Ana Pontón

“Fágoo con toda a ilusión, ao comprobar que hai unha ampla maioría que comparte o obxectivo de construír un proxecto ganador e gobernar o País”

Agradece a todas as persoas de dentro e fora da organización que, desde a sinceridade e xenerosidade, aportaron ideas e propostas a súa reflexión

Encabezará a candidatura que pedirá o apoio da militancia na XVII Asemblea Nacional do 7 de novembro e dar paso a un novo ciclo político

A portavoz nacional, Ana Pontón, pechou o período de reflexión, -“profunda e sosegada”-, anunciando a súa disposición a liderar o recto colectivo que ten por diante o BNG: construír un proxecto gañador capaz de disputarlle a hexemonía ao PP e liderar o Goberno de Galiza en 2024, desde a máxima convicción, entrega e ilusión.

“A importancia do reto que temos por diante é tal que para min non era posible deixarme levar pola inercia, nin pola compracencia, porque acomodarse cando está en xogo o futuro de Galiza tería sido un erro maiúsculo e, seguramente, un lastre no reto colectivo que temos por diante”, explicou Pontón, quen destacou que o Bloque vai abrir un novo ciclo político tras a Asemblea Nacional do 7 de novembro, toda vez que hoxe é a segunda forza política do País.

Pontón considera que é “obriga” dunha forza política e dos seus dirixentes facer un lectura acertada de cada momento, para seguir gañando a confianza de máis galegos e galegas, “de aí nace o meu proceso de reflexión”, declarou. Reflexión persoal que, “humildemente” tamén quería servir para “testar” se a base do nacionalismo compartía a importancia do reto, “pois non se trata de conseguir unha presa máis de escanos, senón de liderar Galiza”.

Neste sentido, a portavoz nacional decide pechar a súa reflexión dando un paso adiante “con toda a convicción e con toda a ilusión”, tras comprobar “que hai unha amplía maioría que comparte ese obxectivo de traballar para disputarlle a hexemonía ao PP e encabezar o Goberno do País en 2024”.

Por primeira vez, o BNG pode afrontar “con garantías de éxito” o obxectivo de abrir un tempo novo desde a Presidencia,  “porque hai un sentimento nacional moi forte e o noso traballo consiste precisamente en traducir  ese sentimento en apoio político, social e electoral”.

Por iso confirma a súa disposta seguir sumando  para construír un proxecto gañador, se así o decide a militancia. “Son das que penso que a política non consiste só en ter razón, senón en construír un proxecto ganador, o que só é posible se a cidadanía che da a razón. E isto é o que colectivamente queremos lograr no BNG: construír un proxecto gañador para liderar o Goberno de Galiza”.

Pontón encabezará a candidatura que o Consello Nacional aprobará este sábado e que será sometida a referendo da militancia na XVII asemblea nacional, cita que dará paso a un novo ciclo político no que, en primeiro lugar, hai que seguir fortalecendo a organización e ensanchar a  base social, porque sen esta fortaleza todos os avances “terían os pés de barro”.  

Igualmente, hai que seguir avanzando nas eleccións municipais, “enfrontándoas con decisión e coa convicción de que os nosos proxectos municipais poden chegar á maioría social”; hai que aumentar a representación nas Cortes do Estado, “como garantía de defensa dos intereses dos e das galegas”. Todos obxectivos claves no  camiño ao gran reto de presidir o Goberno do País en 2024.

“Non son das que se quedan a medias”

Pontón salientou que non vai escatimar esforzos para ganar unha nova Galiza: “Non son das que se quedan a medias e vou dar o mellor de min, sen escatimar esforzos, coa máxima entrega, con optimismo e con ilusión para darlle os galegos e ás galegas un Goberno capaz de construír un futuro de esperanza, un goberno, en definitiva, que pense Galiza en grande como este gran País que somos e no que temos dereito a soñar e facer realidade os nosos soños”.

A portavoz nacional trasladou o seu agradecemento a todas as persoas, tanto dentro fora do BNG, que  desde a sinceridade e desde a xenerosidade, compartiron con ela  diagnose, ideas e propostas aportando e enriquecendo a súa reflexión. 

“Compañeiros e compañeiras con responsabilidade orgánica e política; militantes de base, homes e mulleres que están a pé de rúa nos concellos, nas vilas e nas cidades; eles e elas son a gran fortaleza desta organización. E tamén todas as persoas que non militan no BNG pero consideran que o futuro do País pasa por un BNG forte e cada vez máis amplo, representantes dos diferentes ámbitos da sociedade, de economía, do traballo, dunha Galiza plural e diversa disposta a loitar por un futuro mellor”, conclúe.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG