Ana Pontón arroupa a candidatura de Juventino Trigo para devolverlle a Fene un goberno honesto e con ideas

Acto público en Fene
Acto público en Fene

“Estamos con máis forza e máis ilusión que nunca e nas próximas eleccións municipais imos ir a por todas”, proclamou

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no primeiro gran acto político celebrado polo BNG en Fene tras a moción de censura, para arroupar a candidatura de Juventino Trigo convencida de que a veciñanza dará unha resposta contundente nas urnas e nas próximas eleccións municipais Fene recuperará “O goberno honrado e con ideas” que representou o mandato truncado de Trigo e a súa equipa.

“Quero trasladar o orgullo de todo o BNG a Juventino e a Sandra, a Justo e a Mariela polo traballo feito durante os tres anos de goberno municipal, onde demostraron que teñen un proxecto para a maioría social, que teñen capacidade de xestión e ideas para gobernar este concello”, subliñou Pontón, e son esas as mesmas razóns que levaron ao PP a arbitrar a moción de censura “contra un executivo transparente e honesto e con rumbo claro”.

Acto público en Fene Esta moción que reflexa “o máis repugnante da política, marcada por vendetas e corruptelas”, terá unha contundente resposta cidadán, asegurou Pontón. “Estamos con máis forza e con máis ilusión que nunca, e nas próximas municipais imos a por todas, porque Fene merécese un goberno con ideas e con xente honesta con Juventino Trigo á cabeza”, proclamou.

“No BNG tomamos moi en serio a este país e sabemos que a política de verdade non é a da compra de tránsfugas, a das intrigas ou a dos masters falsificados, a política de verdade é servizo público, defensa dos intereses colectivos. Esa política con maiúsculas é a que guía a nosa actuación desde as institucións”, salientou.

Pontón salientou a figura de Juventino Trigo, -“traballador, dialógante, honesto”-, polo que desde o BNG “imos traballar para que volva entrar pola porta grande do concello, aupado polos veciños e veciñas de Fene que saben que a moción de censura é resultado de intereses persoais e dun intento desesperado de tapar a corrupción do PP”.

A dirixente do Bloque parabenizou a Trigo e a toda a súa equipa “por non ceder á chantaxe” de quen se presentou como socio de goberno supostamente de forzas progresistas e, por contra, mantívose firme en facer cumprir o pacto e traballar en beneficio de Fene. Como resultado, un concello organizado e funcionando a favor da maioría social, que a veciñanza saberá valorar na próxima cita coas urnas, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG