Ana Pontón arroupa a Avia Veira como candidata: “Vai a por todas para ser a alcaldesa e abrir un tempo novo na Coruña”

Presentación Avia Veira
Presentación Avia Veira
Destaca que ten a forza, o proxecto e liderado necesarios para facer que a cidade dea un gran paso adiante e mellore a calidade de vida da veciñanza

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que a candidata do BNG ás próximas eleccións municipais na Coruña, Avia Veira, “vai ir a por todas” co obxectivo claro de “abrir un tempo novo nesta cidade e convertela nun referente dentro e fóra de Galiza”. “Avia Veira ten a forza, as ideas, a capacidade e a ilusión que se necesita para facer que esta cidade dea un gran paso adiante”, afirmou.

Nun almorzo informativo que compartiu coa concelleira, que vén de ser elixida candidata a alcaldía pola militancia do Bloque, Pontón considerou que “A Coruña merece máis” e amosouse convencida de que o proxecto que encarna Veira daralle o impulso que precisa, con “máis calidade de vida, máis ambición, máis ilusión e máis futuro”.

Pontón destacou que Avia Veira concorrerá como candidata avalada polo traballo feito como concelleira no Pazo de María Pita, un labor que desenvolveu a carón “dunha das mellores cabezas políticas que ten o BNG”, dixo en alusión a Francisco Jorquera. Grazas a esa experiencia, o Bloque ten hoxe unha candidata preparada, cun “enorme talento e unha enorme dedicación, con capacidade de traballo e sempre disposta a tender a man e a preocuparse polos demais”, engadiu.  

A líder do Bloque defendeu o proxecto liderado por Veira como unha “aposta sólida” para camiñar cara “unha Coruña en grande” man a man cas coruñesas e os coruñeses. Unha Coruña — precisou — con mellores servizos públicos, con calidade de vida e cohesión social e un urbanismo de calidade “que poña ás persoas no centro”. “Unha Coruña en grande significa tamén sustentabilidade, inclusión e benestar social, significa vitalidade económica, social e cultural”, engadiu.

“Construír unha Coruña en grande é transformar a fachada marítima e recuperala para a veciñanza, pero tamén que as cousas de cada día funcionen, na mobilidade e nos barrios, desde a cohesión e desde a inclusión”, salientou.

Pontón referiuse a Veira como “unha muller honesta, traballadora, preparada, feminista e orgullosamente coruñesa de Labañou e Monte Alto”, unha “deportivista” que ama a cidade na que naceu e medrou, na que decidiu criar ás súas crianzas e que “coñece como a palma da man”.  Dela dixo, ademais, que ten a ambición necesaria para facer da Coruña “a cidade mellor que quere e merece toda a veciñanza”.

“É un luxo poder contar con Avia como candidata”, declarou Pontón, que deu os seus parabéns á militancia pola elección feita posto que, salientou, será a primeira candidata do BNG na Coruña, e porque “é un paso importante que as mulleres demos pasos adiante para liderar proxectos”. “Estou convencida de que tamén será a primeira alcaldesa do BNG que teremos nesta cidade”, concluíu. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG