Ana Pontón amosa o apoio do BNG ás demandas da hostalaría

Encontro hostalaría
Encontro hostalaría

Critica que ningunha das medidas anunciadas por Feixóo figure  publicada no  DOG

Insta ao goberno a negociar “un plan de axudas” para manter e seguir creando emprego no sector hostaleiro

Pide considerar a Galiza, “Excepción galega” polo seu carácter produtor de enerxía e unha compensación polos custes sociais e ambientais

Propón  reducir e gravar os beneficios das grandes eléctricas e destinalos aos sectores máis afectados polo incremento da luz, o  gas e  combustible

Tras un encontro coa Asociación de hostaleiros e hostaleiras de Compostela e ante o anuncio do peche dos establecementos,  o vindeiro luns 28, en defensa das empresas hostaleiras e dos postos de traballo, a portavoz nacional do BNG amosou o apoio ás demandas do sector, “gravemente afectado pola pandemia e pola  escalada de prezos da enerxía e o  combustible”.

A portavoz nacionalista, acompañada da deputada Iria Carreira, a portavoz municipal, Goretti Sanmartín e a concelleira Navia Rivas, destacou o importante papel do sector da hostalaría e do turismo para Galiza, un sector, dixo, que “move máis de 60.000 empregos e cunha grande contribución  ao PIB” e na actualidade, con moitas dificultades tras o impacto da pandemia e o incremento dos prezos. Neste sentido, considerou que resulta imprescindible negociar co sector “un plan de Axudas vinculado ao mantemento e creación de emprego”.

Estamos nun momento crítico, explicou, e precisamos axudar aos sectores que dinamizan a  economía galega pero tamén “ás economías familiares” e a cadea produtiva por mor do incremento da electricidade e os combustibles. Nesta liña, lembrou que onte mesmo co anuncio da “Excepción Ibérica”, recoñecida polo Consello de Europa, “ábrese unha expectativa” e agardamos canto antes saber como se concreta e con que medidas. Pontón insistiu que deben ser aplicadas cando antes porque hai moitas familias afectadas ao que sumou ao sector hostaleiro e empresas que “xa non poden aguantar máis”.

“Excepción Galega” para que a riqueza da produción de enerxía repercuta no noso país

Como galegos e galegas, afirmou a líder do BNG,  temos que defender “a excepción galega” como  país de grande produción eléctrica e cunha  riqueza que  debe repercutir en Galiza. “A medida europea debe considerar unha rebaixa na factura no noso país e compensarnos pola produción de enerxía que conleva aparellados  custes ambientais e sociais”.

Pontón reprobou que mentres moitas familias e empresas non poden pagar a factura da luz, “as eléctricas no ano 2021 gañaban 11 mil millóns de euros e incrementaron nun 200% os seus beneficios”. Dende o BNG recalcou, a líder do BNG, consideramos que estamos no momento de apostar “pola xustiza social” e isto significa que eses beneficios “escandalosos” deben ser reducidos e gravados e destinar eses recursos aos sectores con máis dificultades, “as familias que non poden chegar a final de mes, os hostaleiros e hostaleiras que se ven abocados a pechar os seus negocios, o sector primario e o do  transporte”.

Ningunha das medidas anunciadas por Feixóo aparecen publicadas no DOG

A portavoz do BNG pediu “valentía” ao goberno galego e que  abandone “os continuos anuncios e propaganda” por que polo momento, “ningunha das medidas anunciadas por Feixóo están publicadas no DOG” e os sectores hostaleiro, pesqueiro, agrogandeiro e do transporte “non viven de promesas, requiren gobernos á altura das circunstancias e non en campaña electoral interna como está Feixóo no Partido popular”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG