Ana Pontón advirte que subir os tipos pon en risco a vivenda das familias hipotecadas e dificulta o acceso ao crédito das PEMES

Ana Pontón
Ana Pontón
Os orzamentos do Goberno do PP “nacen mortos” porque están baseados en previsión falsas e non son as que precisa Galiza contra a crise, alega

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera un “disparate” a subida dos tipos de xuros por tratarse dunha medida que só beneficia á banca pero que incrementará as hipotecas a unhas familias afogadas pola crise de prezos.

“O que se precisan son medidas que poñan as persoas no centro, por iso é un despropósito subir os intereses porque o resultado vai ser facer aínda máis difícil o pago da hipoteca e máis difícil tamén o acceso ao crédito ás pequenas e medianas empresas e, no outro lado, o único beneficiario é a gran banca, a mesma á que lle pagamos un rescate millonario e que, lonxe de devolver ese rescate, fan caixa con esta crise”, denunciou desde Cerdedo-Cotobade na presentación da candidatura do BNG á Alcaldía, encabezada por Ernesto Filgueira.

Pontón argumentou que o descontrol de prezos, “non ten como orixe un aumento da demanda, as causas son outras”, por iso subir os tipos de xuros só vai provocar máis dificultades ás familias, á clase traballadoras ou as persoas autónomas.

“Esta medida vai castigar de novo á maioría social e urxen medidas para evitar que miles de familias se queden sen vivenda porque este incremento dos tipos para moitas persoas significa non poder abordar os costes da hipoteca, e baixo ningunha circunstancia podemos permitir que sigan pagando a crise as familias ou o tecido empresarial que conforman as PEMES sen ir ás causas de fondo que están detrás da crise”, recalcou.

Neste contexto, a líder do Bloque criticou que o Goberno do PP presenta uns orzamentos insolidarios e insolventes baseados en previsións falsas, porque unha análise errónea non permite afrontar a crise.

“O Partido Popular fai unha mala diagnose de como vai evolucionar a economía nos próximos meses e así é imposible acertar nas medidas que precisa Galiza para paliar os efectos da crise e para axudar a superala canto antes”, denunciou Pontón, facendo fincapé en que os presupostos remitidos polo Executivo de Rueda “recollen unha previsión de crecemento económico que non se sostén e, por tanto, planifican unha política económica ficticia, son uns orzamentos que nacen mortos porque se basean en previsións falsas e, por tanto, non conteñen as medidas que precisa o País neste momento”.

Medidas como, explica a portavoz nacional, “un plan de rescate social no que saia reforzada a sanidade pública, moi en particular a atención primaria, urxe unha nova política económica que poña o País a producir, que aposta pola innovación, que permita recuperar talento investigador e nada disto se recollen nas contas públicas de 2023, que son insolidarias, insolventes e non van permitir que Galiza teña ferramentas para encarar á crise”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG