Ana Pontón advirte que Galiza esta sendo discriminada nos Next Generation: “Con fotos e boas palabras non se crea emprego”

Ana Pontón
Ana Pontón

Critica o fracaso da reunión Rueda-Calviño, sen ningún proxecto nin investimento concreto, pese a estar en xogo a recuperación económica

Xornada sobre o futuro do idioma: O BNG propón a derrogación do decreto da vergoña e devolver ao galego a condición de lingua vehicular no ensino

A portavoz nacional, Ana Pontón, advirte contra a discriminación de Galiza na xestión e distribución dos fondos de recuperación económica Next Generation, despois de que a reunión entre o presidente da Xunta e a vicepresidenta económica de Economía se saldase sen ningunha proposta ou compromiso concreto de investimento para o País, mentres se están coñecendo a implantación de proxectos estratéxicos, os denominados PERTES, noutros territorios do Estado.

“Estamos vendo que Galiza queda atrás e a reunión entre o señor Rueda e a señora Calviño foi unha confirmación, porque tras ese encontro ao máximo nivel o resultado foi cero euros para Galiza, cero, nada de nada. Vimos unha foto e boas palabras, pero as fotos e as boas palabras non xeran riqueza, nin xeran emprego e non van tapar a evidencia de que o noso País está sendo discriminado na xestión deses fondos de recuperación”, salientou Pontón desde A Coruña, onde asistiu á xornada sobre a situación do galego organizada polo BNG baixo o título Medre a lingua.

“Non hai ningunha iniciativa de alcance que este chegando ao noso País”, reiterou Pontón ante o fiasco da reunión entre Goberno galego e Goberno do Estado, ao que se suma a preocupación do Bloque ante a ausencia dunha estratexia para que eses fondos europeos tamén cheguen á pequena e mediana empresa, “un tecido produtivo clave” na creación de emprego e na dinamización económica.

Por contra, o que estamos vendo, indicou a líder nacionalista, “é un reparto entre grandes transnacionais, unha mala noticia para Galiza que, ademais, ten algo de fraudulento e repite o erros de 2008 cando ante a crise se optou por salvar á banca e agora queren salvar as multinacionais”. Os feitos están confirmando o que xa advertía o BNG cando alertaba que a xestión centralizada dos fondos de recuperación económica, que apoia tanto o PP como o PSOE, terminaría por discriminar a Galiza.

“Vemos que as forzas estatais están cómodas nas boas palabras e nas fotos mentres discriminan a Galiza, pero o BNG non vai quedar calado porque queremos un trato xusto na distribución duns fondos que non son a panacea pero que son os únicos recursos extraordinarios para saír da crise, non se pode aceptar que Galiza e o tecido empresarial galego de PEMES queden discriminados mentres outros avanzan”, concluíu.

Pontón fixo esta valoración na xornada de reflexión sobre a situación do idioma ante a política lingüística do PP, tras doce anos de aplicación do denominado decreto da vergoña, que ten convertido ó galego nunha lingua de segunda no ensino con consecuencias nefastas, como desvelan os datos da Real Academia Galega e as estatísticas do IGE.

“O galego é a única lingua do Estado que perde falantes, a escola está convertida nun axente desgaleguizador e son miles os país e nais que denuncian como os seus fillos e fillas entran pola porta falando galego e saen falando castelán, unha perda de falantes que empeza xa na etapa infantil, un 10%, ao que se suma o feito de que un 24% dos nenos e nenas menores de 14 anos non saben falar galego e un 30% non é capaz de escribilo”, sintetizou Pontón.

Doce anos de políticas antigalego

Os efectos de doce anos de políticas lingüicidas, cun Goberno do PP que incumpre a lei, desde o Estatuto de autonomía, a Lei de normalización lingüística ou a carta europea de linguas minoritarias. Tamén a falta de apoio por parte do Executivo do Partido Popular, de tal xeito que hoxe os fondos á promoción do idioma son un 50% máis baixos que en 2009. O PP, denunciou, “estalle roubando ás novas xeracións a liberdade de poder falar en galego practicando unha política que non garante a aprendizaxe do idioma propio”, denunciou Pontón, “a asfixia da lingua é normativa e económica”.

Por contra, un goberno do BNG porá en marcha unha batería de medidas para reverter o proceso de perda de falantes, en particular nas novas xeracións. Entre esas medidas, a derrogación do decreto da vergoña para devolverlle ó galego a condición de lingua vehicular no ensino e poñer fin a disparates como a prohibición por lei de impartir en galego materias como matemáticas ou tecnoloxía, que si poden ensinarse en francés, alemán, inglés ou castelán.

Creación de contidos audiovisuais

Entre as medidas do BNG, a creación de contidos audiovisuais en galego a través dunha canle na televisión pública de temática específica para o público infantil e xuvenil, -unha especie de Clan en galego-, orfo deste tipo de contidos. Ademais, a promoción internacional da lingua a través da creación do Instituto Rosalía de Castro, tendo en conta que é o único idioma do Estado que non conta cunha entidade destas características para a súa divulgación máis aló das nosas fronteiras.

"Ter unha lingua é un valor que nos enriquece, que nos abre as portas a amplísima comunidade da lusofonía e non podemos ter un goberno na Xunta en contra do galego en lugar de traballar a favor”, concluíu.

A xornada, coordinada pola portavoz parlamentaria de cultura e integrante da RAG, Mercedes Queixas, foi inaugurada pola líder do BNG e polo portavoz municipal da Coruña, Francisco Jorquera, e contou coa presenza do lingüista, Xosé Ramón Freixeiro. Igualmente, no encontro analizáronse experiencias a favor da lingua desde os concellos, coa participación de responsables municipais de Ames, Pontevedra e no caso de Rianxo o propio alcalde Adolfo Muíños. Pechou a xornada de traballo e análise unha mesa de debate protagonizada por responsables e impulsoras de iniciativas sociais a favor da lingua.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG