Ana Pontón e Dilma Rousseff, encontro das dúas líderesas no que abordaron os vínculos entre Galiza e Brasil

Pontón, Rousseff, Miranda e Valente
Pontón, Rousseff, Miranda e Valente

A portavoz nacional do BNG e da ex presidenta brasileira manteñen un encontro en Bogotá, onde ambas líderes políticas asisten á investidura do presidente Gustavo Petro

Destaca que estreitar lazos co mundo da lusofonía é unha das apostas estratéxicas do Bloque no ámbito internacional, en particular con Brasil, un país clave no continente americano

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro coa ex presidenta do Brasil, Dilma Rousseff, en Colombia, onde ambas lideresas políticas asisten ao acto de investidura do presidente, Gustavo Petro, e da vicepresidenta, Francia Márquez. A reunión, -nun ton de gran cordialidade e complicidade persoal-, enmárcase dentro da estratexia internacional do BNG de estreitar vínculos cos países da lusofonía, entre os que Brasil ten un papel preeminente.

A dirixente do BNG abordou con Rousseff a importancia que ten para Galiza estreitar relacións cunha potencia como Brasil, tanto desde o punto de vista de dar visibilidade e fortalecer a nosa cultura e a nosa lingua no mundo, -a través da gran plataforma mundial que conforman os países de lusofonía-, como tamén desde o punto de vista económico, pois estamos falando dun país con máis de 200 millóns de habitantes, un mercado extraordinario para as empresas e sectores produtivos galegos.

Pontón e Rousseff tamén analizaron no seu encontro a situación de cambio político que se está a dar no continente americano, nun momento en que conflúen importantes gobernos de esquerda como o caso de Colombia coa chegada de Petro á Presidencia, e antes en Arxentina, Honduras ou Chile, así como a posibilidade de que, nos comicios de outubro, Brasil volva estar nese grupo de países americanos con Executivos de esquerda se, como todo apunta, Lula da Silva volve obter a confianza dos e das brasileiras para presidir o país.

Cambio tamén en Galiza

Neste sentido, Pontón explicoulle a ex presidenta Rousseff as posibilidades de cambio real en Galiza e as expectativas do BNG para liderar ese cambio desde a Presidencia da Xunta, obxectivo co traballa a formación nacionalista, -informou Pontón-, cun proxecto a favor da maioría social do País, con humildade pero con toda a ambición e sen escatimar esforzos para que Galiza poda tamén abrir un tempo novo nas próximas eleccións galegas. Na reunión tamén participou a responsable da Área de internacional do BNG; Ana Miranda, e a súa homóloga do Partido dos Trabalhadores, Monica Valente.

Con este encontro, Pontón inicia a segunda parte da súa viaxe a Latinoamérica  xa en Colombia tras pechar a última xornada de traballo en Chile cun encontro co alcalde de Recoleta, Daniel Jadue, referente de políticas de esquerda no país andino, con quen tivo oportunidade de abordar algunhas da cuestións que máis preocupan na gobernanza dunha urbe, como a mobilidade sustentable, a xestión da auga e dos residuos urbanos, o acceso á vivenda ou a prestación de servizos que faciliten a integración social dando lugar a cidades compactas.

De Chile a Colombia
Salvando as obvias diferencias, a líder do BNG compartiu co rexedor de Recoleta o modelo de Pontevedra, que se ten convertido nun exemplo de cidade ao servizo da veciñanza, recuperando o espazo público para a xente, con políticas de transformación social en positivo e capaces de mellorar a vida das persoas.

Pontón e Miranda participou igualmente nun acto organizado pola Plataforma Chile Mejor sin TCL (Tratado de libre comercio), que defende unhas relacións comerciais internacionais xustas en oposición á capacidade das multinacionais de impoñer os seus intereses sobre os da economía real e a clase traballadora dos países latinoamericanos.

Tras as dúas xornadas de contactos e reunións en Chile, a axenda continúa agora en Colombia onde, ademais do encontro co ex presidenta do Brasil, Pontón desenvolverá unha axenda que inclúe unha xuntanza coa coalición política Colombia Humana, liderada precisamente polo presidente electo, así como con responsables políticas tanto de Colombia como doutros países americanos, aproveitando o amplo elenco de delegacións internacionais presentes estes días en Bogotá.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG