Ana Pontón: "A proposta de Feixóo para a reactivación económica de Galiza post COVID19 é rácana e rotineira"

Ana Pontón
Ana Pontón
Carece de “ambición de país” nun contexto de crise sen precedentes, advirte
A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “rácana e rutineira” a proposta de reactivación económica presentada polo presidente da Xunta cun presuposto que supón apenas o 8% dos orzamentos galegos de 2020, que interpreta como “a última mostra da falta de ambición e da falta de proxecto de Feixóo para Galiza”.

“É un plan rácano, sen visión de futuro e rutineiro que non ten estratexia nin planificación de futuro”, insistiu Pontón, ao tempo que se preguntaba “onde están as medidas de apoio a unha economía verde, onde está o apoio á investigación, onde está o apoio ao comercio, onde están as medidas que apostan por unha descarbonización da economía? De todo iso non hai nada nese plan rutineiro e propagandístico”.

Unha mostra máis, alegou a candidata á Presidencia, de que o PP non ten propostas de futuro para Galiza, en contraste cun BNG “que acredita na capacidade e na potencialidade do país”. Pontón salientou que a formación que lidera ofreceu ao PP deseñar un plan para a reconstrución económica e social a través dun gran acordo de país, “pero é evidente que Feixóo non quere escoitar a ninguén e o resultado é este plan rácano que evidencia a falta de confianza no país e que carece da ambición que si temos no Bloque para sacar adiante a Galiza desta crise”, concluíu.

A profunda crise social e económica require de actuacións e intervencións públicas con planificación e proxección de futuro, pero o plan da Xunta non pasa de ser unha reordenación de algunhas partidas para intentar tapar as deficiencias acumuladas polo sistema sanitario e a ausencia de política de impulso do emprego do actual goberno do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG