Municipais 2023

Ana Pontón: “O 28M imos dar a campanada porque a política municipal de referencia en Galiza é a do BNG"

O Porriño
O Porriño
A líder do Bloque participa na presentación dos candidatos do Porriño, Pedro Pereira, e de Mondariz, Xosé Emilio Torres, dentro da precampaña

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou desde Porriño, dentro da precampaña de presentación de candidaturas de cara á cita do 28M, que o BNG vai dar a sorpresa nos comicios municipais e que vai ser a forza que máis suba, obtendo un resultado histórico e afianzando o cambio de ciclo político iniciado tras as eleccións galegas, nas que a cidadanía lle deu ao Bloque a responsabilidade de liderar a alternativa real ao PP.

“Temos a convicción de que o BNG vai dar a sorpresa nas municipais, imos ser a forza que máis suba e será importante de cara aos retos de futuro, tanto as propias eleccións municipais, que son clave e por iso estamos presentando proxectos sólidos para cada vila e concello”, explicou, pero tendo en conta, ademais, “a responsabilidade que nos deron os galegos e as galegas que depositaron en nós a súa confianza para ser a alternativa real ao Partido Popular, abrindo un cambio de ciclo político nas pasadas eleccións galegas”.

Un cambio de ciclo que, recalcou, “é importante que se consolide nas eleccións do 28M, nas que imos a por todas, con toda a ilusión e convencidas de que o BNG vai dar a campanada cun resultado histórico, sendo a forza política que máis suba nesta cita electoral”.

Un convencemento que Pontón afianza no aval que supoñen os gobernos municipais de éxito do BNG. “Temos a confianza que nos dan os feitos, e hoxe o BNG ten a política municipal de referencia en Galiza, porque temos un modelo que transforma, que mellora a vida da xente alí onde gobernamos, un modelo capaz de xerar dinamismo económico, social e cultural”, subliñou.

O modelo municipal do Bloque tradúcese en gobernos que apostan polas persoas, polos servizos públicos, polo benestar social; gobernos que defenden e practican un urbanismo sustentable, que deseñan o espazo público ao servizo da xente e como lugar de socialización e convivencia; gobernos que xestionan con eficacia cada euro, exemplos de transparencia e de participación. En definitiva, “un modelo municipal de referencia en Galiza e tamén a nivel internacional”, sentenciou.

E con ese aval dos gobernos municipais do BNG, “imos a por todas porque temos un proxecto para que Galiza poda avanzar”, reiterou, afrontando as eleccións municipais como un reto importante para seguir avanzando e marcar un novo rumbo para Galiza, “para seguir fortalecendo ao BNG como alternativa real fronte a un PP instalado na rutina, sen impulso político, que practica a submisión aos intereses madrileños e quere unha sociedade galega resignada. O País precisa un novo rumbo, que imos empezar a construír o 28M concello a concello”, concluíu.

Inmersa en plena precampaña electoral, Pontón participa hoxe na presentación do candidato á Alcaldía do Porriño, Pedro Pereira, e pola tarde na presentación do candidato á Alcaldía de Mondariz, o actual rexedor, Xosé Emilio Torres.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG