Ana Pontón propón un Fondo de rescate hipotecario sufragado pola banca para axudar ás familias ante a subida das hipotecas

Ana Pontón
Ana Pontón

“Toca rescatar ás persoas fronte a unhas entidades que apenas devolveron unha ínfima parte dos 90.000 M€ pagados pola xente do común”, alegou

Na práctica o fondo fixa o tope no 1,5% e a banca asume o sobrecuste da  hipoteca no caso de persoas con salarios inferiores á media estatal

Co nivel de prezos máis alto en corenta anos, a portavoz nacional, Ana Pontón, considera “inxusto e antisocial” unha subida dos tipos de interese que, para 2023, pode chegar a encarecer a hipoteca unha media de 200 euros ao mes, afogando aínda máis ás familias ante unha banca que sigue obtendo beneficios record, - un 33% máis de ganancias no que vai de ano-, cando aínda non devolveu os 90.000 millóns de euros de rescate.

Neste contexto, a líder do BNG propón desde Galiza a creación dun Fondo de rescate hipotecario destinado ás persoas con ingresos inferiores aos salario medio estatal, -26.832 € ano brutos-, e se vexa obrigada a destinar máis do 30% a pagar o crédito da súa vivenda habitual. Un fondo que o Goberno galego debe negociar coas entidades pois son estas as que deben aportar o 75% do financiamento. “É hora de rescatar ás persoas e que a banca devolva todo o que a sociedade lle deu”, alegou.

“Trátase de que o Goberno do PP tome a iniciativa e se anticipe ao problema, actuando antes de que esta crise e esta suba de tipos se leve por diante ás familias”, subliñou sinalando que hai 225.000 galegos e galegas hipotecadas. O fondo que propón o BNG, na práctica, establece un tope na suba dos tipos das hipotecas destinadas á vivenda habitual das familias con rendas medias e baixas, tope que a formación nacionalista fixa no 1,5%, “todo o que supere ese tipo sería un sobrecusto que asumiría a banca con cargo a ese fondo de rescate”, explicou.

A líder nacionalista fixo fincapé en que o sector financeiro é o que debe asumir o 75% do financiamento deste fondo “para devolver unha parte do que a sociedade galega deu na anterior crise á banca”, polo que emprazou ao Executivo de Alfonso Rueda a negociar coas entidades financeiras a súa participación no fondo.

Recordou que mentres as familias viven afogadas co descontrol de prezos, a gran banca acumulou 16.000 millóns de euros de beneficio nos primeiros nove meses do ano, pero a día de hoxe “só devolveu unha parte ínfima” dos 90.000 millóns do rescate que pagou a cidadanía hai apenas unha década.    

Para Pontón, “o Goberno galego non pode seguir arrastrando os pés nesta crise”, polo que lle reclamou medidas que, como a que propón o BNG, “eviten repetir os erros da anterior crise”. “Este é un momento no que toca rescatar ás persoas, pero motu propio a banca non vai devolver ni un euro, por iso toca que os gobernos lexislen e adopten medidas en defensa da maioría social”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG