Ana Miranda subliña en Bruxelas a oposición do BNG ao acordo UE-Mercosur e salienta a defensa do Bloque do sector agrograndeiro galego

Ana Miranda A Carqueixa Mercosur
Ana Miranda A Carqueixa Mercosur
A eurodeputada galega abordou as negociacións sobre a PAC nun encontro nas institucións europeas con representantes da cooperativa lucense A Carqueixa

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reiterou hoxe o compromiso do BNG co sector agrogandeiro galego ao reiterar a oposición do Bloque ao acordo entre a UE e o Mercosur. Salientouno así nos encontros que mantivo con representantes da cooperativa da provincia de Lugo, A Carqueixa, no Parlamento Europeo e a Comisión Europea. “Neste momento somos a única forza que está defendendo a agrogandeiría galega e defendémola con total coherencia”, afirmou.

“O BNG é a voz galega en Europa e sempre traballamos para defender os problemas galegos. Diso é o que se trata, ter un escano galego en Europa, e por iso estamos e seguimos dicindo non o acordo Unión Europea e Mercosur”, subliñou Ana Miranda, quen neste contexto explica a viaxe de traballo dos representantes da cooperativa galega A Carqueixa a Bruxelas, Román Sánchez e Alberto Uria, con quen mantivo diversas reunións tanto no Parlamento Europeo como na Comisión Europea.

O obxectivo destes encontros e “ver como lle pode afectar ese acordo Mercosur”, así como as decisións que está tomando a Comisión Europea na futura negociación da PAC. Neste sentido a eurodeputada galega sinala que na futura PAC pode desaparecer o segundo pilar, “que é o de desenvolvemento rural importante para esas comarcas, sobre todo de montaña como son os Ancares, onde eles exercen as súas actividades”.

Carta a Von der Layen

Segundo destaca Miranda, “o BNG ten unha posición coherente sobre o acordo Mercosur tanto en Bruxelas, como en Madrid, como en Galiza. Temos moi claro tamén que o resto dos partidos como PP e o PSOE non poden dicir o mesmo e neste momento somos a única forza que está defendendo a agrogandeiría galega e defendémola con total coherencia”. En liña con esta coherencia, a eurodeputada do BNG vén de asinar unha carta, xunto con outras eurodeputadas e eurodeputados de diferentes grupos da Eurocámara, dirixida á presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Layen, na que instan á Comisión “a que non avance na aplicación provisional do acordo comercial UE-Mercosur, nin de ningunha das súas partes, até que o Tribunal de Xustiza Europeo emita o seu ditame”. A carta remitida a Von der Layen tamén fai referencia as consideracións de varios comisarios, que xa ofreceron garantías de que non aplicarían provisionalmente acordos comerciais antes de que o Parlamento Europeo outorgara o seu consentimento.

Neste sentido, Miranda lembra que o pasado 21 de xaneiro, o Parlamento Europeo aprobou (con 334 votos a favor, 324 en contra e 11 abstencións) trasladar o acordo con Mercosur ao Tribunal de Xustiza Europeo. Esta decisión baséase no artigo 218, apartado 11, do TFUE, sobre a compatibilidade do acordo de Asociación UE-Mercosur e o acordo comercial Interino cos tratados da UE debido a preocupacións xurídicas e institucionais relativas ao procedemento seguido.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG