Parlamento Europeo

Ana Miranda a Raffaele Fitto: “Sabe que teñen vostede e Feijoo en común? A incompetencia na xestión e execución dos fondos europeos”

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez

A eurodeputada do BNG participou na avaliación ao candidato a vicepresidente de Cohesión e Reformas, o italiano proposto por Meloni, Raffaele Fitto

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou hoxe na avaliación a Raffaele Fitto, candidato a vicepresidente de Cohesión e Reformas da Comisión Europea, -proposto pola presidenta italiana, Giorgia Meloni.- e a quen lle afeou a súa traxectoria de “connivencia co neofascismo”.

“É un exemplo de que a dereita branquea á extrema dereita en toda Europa. Como candidato a comisario simboliza ese branqueo”, destacou a eurodeputada galega amosando unha fotografía de Meloni con Féijoo. “Sabe que teñen vostedes en común? A súa incompetencia na xestión e execución de fondos europeos”, subliñou, ao tempo que lle preguntou se a súa intención e exportar a Europa o modelo italiano de centralización de fondos de cohesión, cuestión ao que o candidato a comisario non respondeu.

Ana Miranda explicou que baixo o seu mandato os fondos europeos tiveron “unha pésima xestión e unha desastrosa execución”, de forma similar ao que aconteceu en Galiza cando Feijoo era presidente. Neste sentido, a eurodeputada do Bloque indica que en Galiza, segundo o Consello de Contas a execución de fondos europeos por parte do goberno de Galiza foi inferior ao 50% en 2022 e arredor dun 60% en 2021.

Precisamos fondos mellor xestionados

Segundo Miranda, Feijoo igual que Fitto “xogou a enfrontarse con concellos e co Estado para crear una imaxe de bo xestor que xa ninguén lle cree, bloqueou a participación de axentes sociais que non foran do seu e, o máis importante, inflou artificialmente a execución orzamentaria con reprogramacións interesadas”.

Fronte a esta situación a eurodeputada galega salientou na súa intervención que “precisamos fondos que melloren a vida das persoas, non propaganda como fixo Feijóo, fondos descentralizados e mellor xestionados, non como vostede, con máis de cen investigacións abertas pola súa xestión de fondos europeos”. “De verdade que se ve capaz, coa súa traxectoria, de ser o Comisario de Cohesión europea?”, concluíu Ana Miranda.


 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG