Ana Miranda pregunta á Comisión Europea se o Estado xa confirmou a baixada ao Villa do Pitanxo

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG traslada as condolencias aos familiares das vítimas do naufraxio

Na data na que se cumpre o primeiro aniversario do naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, traslada as condolencias aos familiares das vítimas, nun día no que “aínda non temos nin verdade nin xustiza“, apuntou. Nesta data, Miranda dirixiuse por escrito a Fotini Ioannnidou, -xefa da Unidade de Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Mobilidade e Transporte da Comisión Europea-, para saber se as institucións europeas xa teñen a confirmación do Estado sobre a baixada ao pecio, tal e como piden as familias.

“Queremos saber se o Estado xa confirmou á Comisión Europea que vai baixar ao Villa de Pitanxo”, subliña Ana Miranda en relación ao anuncio do Ministerio de Transportes español, o pasado 3 de febreiro, da licitación da busca, localización e inspección da embarcación. Nese anunciou, publicado case un ano despois do accidente, o Ministerio de Transportes español anunciou, con trámite de urxencia, a licitación orzamentaria de 3,6 millóns de euros para realizar esta operación.

“Consideramos que este anuncio é positivo, aínda que chega tarde, xa que a operación xa se puido realizar o pasado verano, cando as condicións climáticas o permitían”, critica a eurodeputada nacionalista, quen considera que o descenso ao pecio axudará a reunir probas para esclarecer a causa xudicial, a comprender as causas do peor accidente do sector pesqueiro galego en 50 anos e, por suposto, evitar que se repita unha traxedia deste tipo.

A vicepresidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo lembra que o pasado 25 de outubro familiares das vítimas do accidente do pesqueiro presentaron a súa demanda ante esta Comisión, na que solicitaron baixar ao buque e investigar os feitos que provocaron o afundimento da embarcación, ocorrido a 250 millas da costa de Canadá o 15 de febreiro de 2022 e no que faleceron 21 tripulantes. “É imprescindible esclarecer que pasou ese día”, conclúa Ana Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG