Parlamento Europeo

Ana Miranda: “A partir do 28M, co triunfo de Leticia Santos, Moaña será referente na captación e xestión de fondos europeos”

Encontro Moaña
Encontro Moaña
No primeiro día de campaña, a eurodeputada nacionalista mantivo un encontro coa alcaldesa e parte da candidatura do BNG

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e parte da candidatura do Bloque nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. A captación e a xestión de diferentes fondos europeos foron os eixos do encontro, no obxectivo de que Moaña inicie unha nova etapa, con Leticia Santos á fronte, para estar na liga das vilas europeas de referencia internacional.

“Neste primeiro día de campaña quería vir trasladar todo o apoio a nosa magnífica alcaldesa de Moaña e a toda a candidatura, que está facendo un mellor porvir en Moaña unha referencia a nivel galego, pero tamén queremos que sexa unha referencia a nivel europeo, como outros concellos do BNG, como Carballo, como Pontevedra, como Tomiño...”, subliñou a eurodeputada nacionalista.

Neste sentido, como integrante da Comisión de Política Rexional do Parlamento Europeo, Ana Miranda trasladoulle a Leticia Santos “todo o apoio para conseguir eses fondos, para conseguir esa mellor vida”. Así, no encontro falouse da posibilidade de acceder a fondos para a conexión do Morrazo co Corredor Atlántico, para a depuradora e para a abastecemento de auga das zonas máis altas do concello.

“Estamos nun momento moi importante para o noso país, un momento no que vemos que se perderon moitos fondos europeos porque o Partido Popular non foi quen de xestionalos nin foi quen de xestionalos ben”, criticou Ana Miranda, quen en diversas ocasións denunciou o mal uso dos fondos europeos por parte do goberno do PP. Pola contra, sinalou que concellos como Moaña “terían que ser receptores naturais polo traballo feito e por proxectos pioneiros de sustentabilidade e de protección de medio ambiente e resulta que non están chegando os fondos porque hai administracións que non apoian o Concello de Moaña”.

Aumentar a capacidade de financiamento

A alcaldesa de Moaña salientou a importancia do encontro para “tratar os distintos fondos europeos aos que podemos optar como Concello”. Segundo explicou “nestes últimos anos desde o goberno municipal centrámonos en atender as necesidades do Concello, así como ordenar as finanzas municipais, aproveitando cada liña de subvención para aumentar a capacidade de financiamento de proxectos que hoxe se culminan”. Ao respecto mencionou a mellora de eficiencia enerxética na vila, a rehabilitación e reconstrución do Concello Vello e a finalización do Camiño Real como “exemplos de todo o que puidemos facer grazas a achegar recursos de outras administracións”.

A alcaldesa do Bloque explicou que a veciñanza xa ve que “Moaña está xa en disposición de soñar máis grande, de facer máis grande este proxecto colectivo de vila que temos”. “Para conseguilo somos conscientes de que non podemos hipotecar a situación do Concello como nos atopamos cando chegamos no 2015”, apuntou Santos, quen considerou “fundamental esta reunión, para abrir os ollos cara Europa e aproveitar cada liña dos fondos europeos para os nosos proxectos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG