Ana Miranda participa o vindeiro domingo na toma de posesión de Lula da Silva como presidente de Brasil

Ana Miranda e Lula
Ana Miranda e Lula
A eurodeputada nacionalista trasladará ao presidente electo os parabéns en nome do BNG

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participará na toma de posesión de Lula da Silva como novo presidente de Brasil, nunha cerimonia que terá lugar en Brasilia o vindeiro domingo, 1 de xaneiro de 2023. “Desde o Bloque queremos trasladar ao presidente electo os nosos parabéns polo triunfo da democracia contra o fascismo”, subliña.

Ana Miranda formará parte das 53 delegacións internacionais xa confirmadas que asistirán a toma de posesión do presidente electo de Brasil nuns actos que, segundo sinala a propia organización, combinarán a solemnidade coa festa popular co obxectivo de resituar Brasil no escenario global. “É un momento crucial na historia de Brasil e queremos trasladar todo o noso apoio nesta nova etapa”, explica a eurodeputada do Bloque.

Así, a axenda do vindeiro 1 de xaneiro comezará ás 15:00 co Acto de Promesa Constitucional e transmisión televisiva directamente do Congreso Nacional, no Palacio del Planalto. Ás 16.20 terá lugar a Recepción da Banda Presidencial; ás 16:30 o Pronunciamento á Nación; ás 18:00 o Nomeamento do Consello de Ministros (Ministros de Estado) e ás 18:30 a Recepción no Palacio de Itamaraty. Ademais, está previsto a celebración do Festival do Futuro, no que se darán cita artistas de diversos xéneros de todo Brasil nunha celebración definida como “diversa, inclusiva e democrática”.

Relacións co PT

Coa participación de Miranda na toma de posesión de Lula o BNG afondará nas xa consolidadas relacións co PT, con cuxos dirixentes Ana Miranda tivo ocasión de analizar a situación que vive Brasil no pasado mes de outubro ao longo das dúas voltas electorais. En concreto, a eurodeputada nacionalista participou nunha delegación de deputados e deputadas do Parlamento Europeo de tres grupos políticos diferentes que quixeron estar presentes nas eleccións presidenciais ante a preocupación pola violencia política e os ataques sistemáticos á democracia brasileira.

“Ábrese unha nova etapa para Brasil, de loita contra a pobreza e a exclusión, de igualdade, de recuperación do público, do multilateralismo, o respecto dos dereitos humanos, despois da época escura do bolsonarismo”, salienta Ana Miranda.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG