Ana Miranda participa como observadora internacional na segunda volta das eleccións presidenciais de Colombia

Ana Miranda misión observación Colombia
Ana Miranda misión observación Colombia
A misión de observación ten por obxectivo verificar a transparencia do proceso electoral

Tras participar na primeira parte da Misión de Observación Electoral do Grupo Interparlamentario pola Paz en Colombia, -convidado polo Consello Nacional Electoral (CNE)-, a coordinadora de Relacións Internacionais da Executiva do BNG, Ana Miranda, asistirá como observadora internacional na segunda volta das eleccións presidenciais que se celebrarán mañá entre o candidato do Pacto Histórico Gustavo Petro e o empresario e político Rodolfo Hernández.

No marco deste traballo de verificación do grao de transparencia do proceso electoral colombiano, Ana Miranda mantivo diversos encontros con representantes de asociacións de dereitos humanos, así como co maxistrado Luis Guillermo Pérez Casas, o primeiro maxistrado de esquerda do Consello Nacional Electoral, quen lle transmitiu a súa “preocupación polo feito de que non haxa unha auditoría independente, de forma que existe a posibilidade real de que se poida producir unha fraude electoral, preparado nas altas instancias do estado, xa que non hai transparencia suficiente”.

Precisamente grazas á visión democrática do maxistrado Pérez Casas, nunha resolución de 2019, introduciuse o requirimento de pegada e sinatura no sistema de voto para garantir a transparencia. No actual proceso, Pérez Casas fai un chamamento para evitar a fraude electoral, tanto pola falsificación das sinaturas como na suplantación de electores ou na falla de interventores nos centros de votación, mediante a votación masiva informada, xa que ao seu xuízo, na medida que haxa máis votos será máis difícil levar a cabo unha fraude electoral.

Alerta contra a militarización

“Tras a campaña tan extremadamente tensa que se ten vivido nas últimas semanas, é fundamental verificar a transparencia do proceso electoral no seu conxunto”, destacou a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, quen alerta contra a militarización que está vivindo o país ante unha posible vitoria do candidato Gustavo Petro, ao declarar o toque de queda nalgunhas zonas.

Mentres que na xornada do 29 de maio -primeira volta das eleccións- Miranda percorreu numerosos colexios electorais da área metropolitana de Medellín – onde comprobou a ausencia de interventores e as dificultades de información en diversos centros de votación- neste 19 de xuño visitará os centros de votación de Suba, unha das cidades do Distrito Capital de Bogotá.

Do mesmo xeito que na primeira volta das eleccións presidenciais, nesta segunda, a Misión de Observación Electoral está integrada por observadores internacionais acreditados polo Consello Nacional Electoral (CNE), entre os que figuran diversos representantes parlamentarios e integrantes de diferentes organizacións políticas, entre as que se atopa o Bloque, que forma parte dos grupos de amizade con Colombia no Congreso e no Parlamento Europeo.

Tras a primeira volta e diante da situación de tensión, a Misión de Observación Electoral elaborou un informe no que destaca, entre as recomendacións principais, que é indispensable garantir o libre exercicio do voto na segunda volta das presidenciais, así como desenvolver unha política de información veraz e alonxada das campañas de odio e discriminación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG