En nome do BNG, a eurodeputada Ana Miranda participa hoxe en Bos Aires na histórica Marcha polo Día Nacional da Memoria pola Verdade e a Xustiza no 50 aniversario do golpe de estado que deu inicio á ditadura e provocou o xenocidio de 30.000 persoas, entre elas 300 de orixe galega. Esta Marcha é unha resposta multitudinaria de carácter unitario de movementos sociais, políticos e sindicais á desaparición e tortura de 30.000 persoas na Arxentina.
“Non pode haber impunidade cos xenocidios, sexan en Arxentina, o franquista ou o de Gaza, non podemos parar de denunciar os crimes de lesa humanidade para que a historia non se repita”, subliña a eurodeputada galega desde Bos Aires, onde acompaña ás Nais de Praza de Maio - Liña Fundadora e posteriormente co grupo da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina, denunciante pola desaparición de galegos durante a ditadura arxentina.
Calcúlase que pode haber arredor de 300 persoas desaparecidas de orixe galega, entre eles as fillas e fillos de catro Nais Galegas da Praza de Maio. Durante estas xornadas de traballo na capital arxentina, Ana Miranda reuniuse con familiares das Nais galegas Pepa Noia e Dionisia López Amado. Precisamente o BNG xa pediu hai anos no Parlamento de Galiza o recoñecemento das galegas e galegos desaparecidos e que o goberno galego se personara na querela presentada pola Federación no ano 2007.
Políticas públicas de memoria
O BNG súmase solidariamente a esta Marcha na loita contra a impunidade que se celebra nun contexto cun presidente negacionista como é o actual Presidente da República Arxentina, Javier Milei, que xa mencionou a posibilidade de indultar a varios xenocidas. A propia ONU advirte dun “retroceso alarmante” no seu goberno do desmantelamento das políticas de Estado en favor da memoria, a verdade e a xustizia. A diferencia do Estado español, nos anos dos gobernos previos do peronismo xulgouse aos criminais e responsables da ditadura arxentina e realizáronse políticas públicas de memoria histórica exemplares que pretende anular o actual presidente arxentino neofascista, que se suma aos movementos negacionistas do neofascismo en Europa representados por partidos como Vox
"Traio o apoio do BNG e de moitas voces galegas, para que nunca esquezamos a historia. Traio logros como o da recuperación do Pazo de Meirás para o Pobo, para que non esquezamos nunca como avanza o neofascismo”, sinala a eurodeputada do BNG, quen estes días mantivo unha intensa axenda en Bos Aires, que incluíron reunións con organismos de Dereitos Humanos, numerosas entrevistas en prensa e encontros coa colectividade galega.