parlamento galego

Ana Miranda: “É unha mágoa que as mariscadoras estean limpando as praias en lugar de mariscar”

María Lago e Ana Pontón
María Lago e Ana Pontón

A eurodeputada do BNG percorreu diversas praias nas que se están recollendo pelets

Tras o debate no pleno da Eurocámara sobre a contaminación na costa galega causada polo vertido de pelets –celebrado este xoves a petición do BNG-, a eurodeputada do Bloque volveu facer un percorrido por diversos areais no que se está levando a cabo a recollida destes microplásticos. “É unha mágoa que as mariscadoras estean limpando as praias en lugar de mariscar”, denunciou Miranda durante un encontro que mantivo cun colectivo de mariscadoras.

“O problema é que temos un goberno do PP ausente, máis preocupado por manipular a realidade e facer oposición á oposición que en ter a costa limpa e sen vertidos. É un problema ter un goberno negacionista”, manifestou a eurodeputada do Bloque, quen visitou as praias de Muros xunto á alcaldesa desta localidade, María Lago, a eurodeputada irlandesa Grace O’Sullivan e Primitivo Pedrosa, mariñeiro do BNG de Muros, e onde se reuniu coa vicepresidenta de ADEGA, Verónica Torrijos.

Para Ana Miranda “é insultante” que o Partido Popular, no goberno da Xunta nos últimos 14 anos, non se preocupe pola situación do sector marisqueiro, o incompleto saneamento das Rías ou pola afectación do cambio climático á temperatura das augas –que afecta tremendamente á actividade extractiva- e polo uso de fondos europeos no caso de paralización temporal da actividade. Neste sentido lembra que o goberno galego deixou sen executar, como xa ven sendo habitual, unha gran cantidade dos fondos europeos dos que dispón.

Mal uso de fondos europeos

“En lugar de facer un bo uso destes fondos, déixaos sen executar, impedindo o acceso a colectivos que o precisan, como o sector do marisqueo, mentres que no último mes tratan de gastar os cartos en campañas de marketing e publicidade puramente electoralistas que non teñen ningún sentido”, critica.

Segundo explicou a eurodeputada galega, “no Bloque somos plenamente conscientes de que Galiza é unha nación altamente dependente da pesca e o marisqueo, polo que fago un chamamento a participar na mobilización que terá lugar en Compostela en defensa do noso mar e o noso sector pesqueiro e marisqueiro”.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG