Ana Miranda interpela ao Comisario de Economía polo aumento dos prezos e a inflación

Ana Miranda no pleno
Ana Miranda no pleno
A eurodeputada do BNG chama a manifestarse este domingo en Compostela

Na sesión plenaria do Parlamento Europeo que se celebra en Estrasburgo e no marco do debate “Loita contra a crise do custe da vida”, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, interpelou ao Comisario de Economía, Paolo Gentiloni, polo aumento desmesurado dos prezos e da inflación que tanto está afectado ás familias.

“Sabe o comisario canto custan os ovos, patacas, aceite, leite, peixe e carne, a luz...?”, sinalou Miranda na súa intervención, na que ademais destacou o aumento da pobreza en Galiza. “A crise dos prezos está a ter un impacto sen precedentes nas clases populares, agravada pola dependencia dos sectores produtivos pesqueiros e agrícolas, agravada pola falta de apoios dos Gobernos”, denunciou.

Ao respecto, a eurodeputada nacionalista puxo de manifesto a situación pola que atravesan moitas familias para as que a cesta da compra “é un luxo”. Ao seu xuízo, “a contradición é que os traballadores e as traballadoras gañan menos, e viven peor, os salarios non aumentan; os autónomos e produtores, afogados! Os colectivos vulnerables, afogados!”.

Criticou que neste momento, -no que os aumentos consecutivos dos prezos no consumidor, nomeadamente en produtos como os combustibles e os produtos alimentarios, están a contribuír no aumento da taxa de inflación-, a Comisión queira voltar á austeridade. “Trátase novamente de unha grande fraude contra o pobo que sofre as consecuencias das medidas especulativas, dos negocios cos prezos dos alimentos e da enerxía”, manifestou.

Saída xusta da crise

Fronte a esta situación, na que as transnacionais aumentan o seu lucro de forma exponencial, Ana Miranda defendeu que é imprescindible acometer cambios nas estruturas económicas de forma que “pague máis quen máis” ten e instou a Comisión a baixar os tipos de interese e a tomar medidas que palíen a situación de emerxencia social.

Neste sentido, lembra que o BNG defende unha “saída xusta da crise” e considera que fan falta “medidas valentes”, entre as que figuran subirlle os impostos ás eléctricas e ás grandes fortunas. Así, crítica que as medidas de apoio ás persoas mais desfavorecidas pola crise, cheguen tarde, pois precisase unha intervención pública mais urxente e contundente, xa que “estamos nun momento de forte emerxencia social”, sinala a eurodeputada do Bloque. “No domingo, nas rúas de Santiago de Compostela, a manifestación pola crise de prezos, dirá novamente que precisamos alternativas”, concluíu a eurodeputada do Bloque.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG