parlamento europeo

Ana Miranda: “Instamos ao goberno estatal a cumprir a Directiva do Audiovisual aprobada na Eurocámara"

Ana MIranda intergrupo linguas
Ana MIranda intergrupo linguas
A eurodeputada do BNG salienta o “gran traballo” conxunto desenvolvido por todas as asociacións implicadas

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, insta ao goberno estatal a cumprir o Informe sobre a aplicación da Directiva de Servizos de Comunicación Audiovisual aprobado onte na Eurocámara, con máis de 500 votos a favor -entre eles o do Bloque-, e critica a “aplicación tardía” no Estado Español da transposición desta lei europea.

“Foi de moita emoción intervir no pleno falando da oficialidade da nosa lingua, da produción independente, da dobraxe, e por suposto da Iniciativa Lexislativa Popular defendida por miles de persoas”, salientou Ana Miranda a respecto da súa intervención na sesión plenaria, na que tamén fixo mención á iniciativa Xabarín, promovida pola Mesa Pola Normalización Lingüística.

A eurodeputada nacionalista avanzou que trasladará a necesidade de cumprir esta Directiva á Presidencia española da UE, que comeza no mes de xullo, a través dunha carta. “É imprescindible corrixir a discriminación do galego”, salientou na rolda de prensa conxunta desenvolvida hoxe xunto a catedrática de Comunicación Audiovisual da USC e cineasta, Margarita Lego; o presidente da Mesa, Marcos Maceira; a representante da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Uxía Caride; e a profesora e investigadora do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC, María Soliña Barreiro.

Miranda destacou asemade o “gran traballo” desenvolvido por todas as asociacións implicadas, boa parte delas participantes no Intergrupo de Linguas que se desenvolveu na Eurocámara o pasado mes de abril. Ao respecto precisamente sinalou que o Intergrupo envía un saúdo a través do seu vicepresidente, o eurodeputado corso François Alfonsi.

Emendas trasladadas polo BNG

“Como eurodeputada galega defendín o galego na Comisión de Cultura do Parlamento Europeo a través do noso grupo mediante a presentación de dúas emendas”, explicou Ana Miranda. Así, sinalou que en concreto son as emendas 16 e 17 do informe aprobado onte. A emenda 16 fai fincapé na importancia de “facilitar a accesibilidade (dobraxe, subtítulos, audiodescrición...) en todas as linguas do territorio en que se presta o servizo de comunicación audiovisual; recorda que é fundamental designar, o antes posible e en todos os Estados Membros un punto de contacto en liña, de fácil acceso e público”.

Por outro lado, a emenda 17 pide que se redobren os esforzos para “difundir as obras europeas” que representan toda a diversidade lingüística europea. Ademais, considera indispensable recompilar datos sobre a difusión lingüística dos servizos de comunicación audiovisual, incluída a información sobre a diversidade lingüística da dobraxe, o subtitulado ou as descricións de audio dispoñibles.


 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG