Parlamento Europeo

Ana Miranda insta a cumprir a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE para que Junqueras poida tomar posesión como eurodeputado

Raül Romeva, Ana Miranda e Oriol Junqueras
Raül Romeva, Ana Miranda e Oriol Junqueras
A portavoz do BNG en Europa critica que a Xunta Electoral Central e o PP non acaten a decisión do organismo de xustiza europeo

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defende o cumprimento inmediato da sentenza ditada polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea do pasado 19 de decembro, que considera que “unha persoa elixida ao Parlamento Europeo adquire a condición de membro de dita institución desde a proclamación oficial dos resultados e ten desde ese momento das inmunidades aparelladas a tal condición", de forma que o cabeza de lista da coalición coa que o BNG se presentou ás eleccións europeas, Agora Reúblicas, poida asumir a súa acta de eurodeputado de forma inmediata.

“Resulta que os que din ser máis legalistas e que sempre falan de cumprir as leis neste caso non queren acatar a decisión do Tribunal de Xustiza Europeo porque non están de acordo coa sentenza. É intolerable”, subliña Miranda, quen cualifica de “vergonzoso” que o PP remitira onte unha carta ao presidente da Eurocámara pedíndolle que Oriol Junqueras non sexa recoñecido como eurodeputado. “Como lle poden pedir ao presidente do Parlamento Europeo que non cumpra unha sentenza dun tribunal europeo?”, pregúntase ao respecto.

Para a portavoz do Bloque en Europa, estas actuacións da dereita e extrema dereita poñen de manifesto “unha vez máis” a súa carencia de valores democráticos e a súa falta de respecto institucional. Nas eleccións europeas do pasado 26 de maio Oriol Junqueras resultou elixido membro do Parlamento Europeo e así foi proclamado pola Xunta Electoral Central o 13 de xuño. Porén, ao día seguinte o Tribunal Supremo denegoulle unha autorización extraordinaria para acatar a Constitución na Xunta Electoral, feito que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea considera que non debeu acontecer así.

“Desde o BNG temos claro que se están vulnerando os dereitos dun cidadá escollido democraticamente ao non permitirlle tomar posesión do seu escano, o cal nos dá idea da calidade democrática do Estado español”, apunta Ana Miranda, quen defende que Junqueras debería poder participar na vindeira sesión plenaria da Eurocámara que se celebrará a próxima semana en Estrasburgo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG