Parlamento Europeo

Ana Miranda fai un chamamento na Eurocámara a colaborar coa UNRWA para garantir a axuda humanitaria en Gaza

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG subliña que o alto ao fogo en Gaza “chega tarde” e demanda o fin da ocupación israelí

No debate do Parlamento Europeo sobre o alto ao fogo en Gaza, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou, unha vez máis, o xenocidio do Pobo Palestino a man do Estado de Israel, que xa se cobrou máis de 64.000 persoas asasinadas. “Este acordo salva vidas, pero chega demasiado tarde, demasiadas vidas perdidas, demasiadas bágoas, demasiada e innecesaria destrución e impunidade”, manifestou Miranda na súa intervención.

Segundo sinalou, “Gaza é hoxe o espello do mundo insolidario no que vivimos e no que os gobernantes calaron, tamén a Unión Europea, mentres os Pobos clamaban nas rúas contra o xenocidio de Israel”. Neste sentido, a eurodeputada galega fixo un chamamento a non esquecer a fotografía dos barrios de Gaza destruídos e outras “de palestinos que se xogaron a vida por salvar a outros mentres os Gobernos seguían exportando armas a Israel e prolongando o xenocidio”.

“Toda a nosa solidariedade co Pobo de Gaza, todo o apoio á urxente reconstrución. Todo o apoio á UNRWA”, manifestou Ana Miranda, ao tempo que remitiu unha carta a todos os eurodeputados e eurodeputadas solicitándolles a súa colaboración directa coa UNRWA para garantir un acceso seguro e sen obstáculos da axuda humanitaria en Gaza.

Servizos básicos

Na súa misiva, a eurodeputada do Bloque salienta que milleiros de gazatíes teñen recibido apoio vital grazas aos incansábeis esforzos do persoal da Axencia das Nacións Unidas de Asistencia aos Refuxiados da Palestina no Próximo Oriente (UNRWA). Así, explica que a UNRWA proporcionou un apoio continuo e vital a case 2 millóns de palestinos aos que proporcionan servizos básicos, xa que precisan auga potábel, alimentos, refuxio, atención sanitaria primaria e apoio á saúde mental e psicosocial.

Lembra ademais que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas creou a UNRWA en 1949 para proporcionar asistencia humanitaria e protección aos refuxiados palestinos rexistrados na área de operacións da Axencia, á espera dunha solución xusta e duradeira á súa situación. A UNRWA axuda os refuxiados palestinos a acadar o seu pleno potencial de desenvolvemento humano mediante os servizos de calidade que proporciona en educación, asistencia sanitaria, axuda e servizos sociais, protección, infraestruturas e mellora dos campamentos, microfinanzas e asistencia de emerxencia.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG