No debate “Papel da Unión no apoio aos recentes esforzos de paz para Gaza” que tivo lugar hoxe na Eurocámara, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda puxo en valor as recentes mobilización en distintas cidades europeas, entre elas Santiago de Compostela, que este pasado fin de semana denunciaron o xenocidio en Gaza e reclamaron a protección da Flotilla que tentou romper o bloqueo da Franxa.
“Estamos dicindo nas rúas en toda Europa que nos dá vergonza a posición da UE”, subliñou a eurodeputada galega ao respecto. “Escoita a Unión Europea o clamor e a dignidade das rúas que desde Santiago de Compostela até Ámsterdam piden que se acabe o xenocidio de Israel en Gaza? Non. Que fixo a UE por defender a valentía das persoas que foron na Flotilla humanitaria arriscando a súa vida para denunciar o xenocidio? Nada”, asegurou na súa intervención.
Segundo afirmou Ana Miranda o xenocidio en Gaza “está movendo o mundo” e ao seu xuízo, o que aconteza “condicionará as relacións internacionais e os dereitos humanos”. Neste sentido, considera que a pasividade da Presidenta Von der Leyen, e a hipocrisía e a inacción da Unión Europea nestes dous anos “demostran a súa complicidade co xenocidio que comete Netanyahu”.
“Non podemos esperar máis, esiximos a ruptura das relacións diplomáticas, comerciais, embargo de armas, suspensión do acordo de asociación UE-Israel, sancións ao Estado de Israel pola violación de dereitos humanos, pola ocupación e apartheid en Palestina”, manifestou Ana Miranda fronte a deshumanización que infrinxe o goberno sionista en Gaza.
Falta de humanidade
A eurodeputada galega denunciou que a UE “non ten humanidade nin dignidade” diante das máis de 60.000 persoas asasinadas, bebés sen comida, hospitais destruídos, e edificios bombardeados. “Fronte ao odio, as mentiras e burlas da dereita e a extrema dereita que vemos neste debate, a nosa solidariedade e defensa do dereito a existir do Pobo Palestino”, subliñou, quen lembra que a comisión de investigación da ONU concluíu que Israel comete xenocidio en Gaza ao levar a cabo catro dos cinco actos xenocidas definidos na Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio, de 1948.
Así, o informe considera que ao matar, causar lesións graves á integridade física ou mental, someter deliberadamente a condicións de vida que teñen como consecuencia a destrución total ou parcial dos palestinos, e impoñer medidas destinadas a impedir a natalidade, as autoridades e as forzas israelís teñen a intención de destruír aos palestinos da Franxa de Gaza como grupo.