parlamento europeo

Ana Miranda destaca que a aprobación da Directiva Europea do Audiovisual “é un paso adiante no apoio ao sector en lingua galega”

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do Bloque salienta o traballo conxunto da Mesa e Agapi e o Grupo de Estudos Audiovisuais da USC

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera unha “moi boa nova” a aprobación hoxe no Parlamento Europeo da Directiva Europea do Audiovisual, que obtivo 543 votos a favor -incluído o do Bloque-, 40 en contra e 40 abstencións. “Damos un paso adiante de apoio ao sector audiovisual en lingua galega, tal e como defendeu Marcos Maceira, presidente da MESA, no Intergrupo de Linguas celebrado o pasado mes de abril na Eurocámara”, salienta.

Na súa intervención no debate sobre a Directiva Audiovisual, Ana Miranda explicou a Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística denominada "Iniciativa Xabarin", baseada no histórico programa infantil e xuvenil da TVG, que obtivo unanimidade do Parlamento de Galiza. Esta iniciativa explica que a difusión audiovisual en galego é inferior ao 0,83% en programas de calidade, fai referencia ao traballo da produción independente e reclama un trato en igualdade para as linguas oficiais nos territorios da Unión Europea, como é o caso do galego en Galiza.

“Que o goberno estatal cumpra”

"Precisamos ver e ser vistos, escoitar e ser escoitados, pero sobre todo, pola discriminación existente, ter igualdade tamén no sector audiovisual", destacou a eurodeputada nacionalista, quen agarda que o goberno estatal “cumpra sen demora o votado hoxe na Eurocámara”.

Co obxectivo de valorar máis polo miúdo as consecuencias da aprobación desta Directiva do Audiovisual Ana Miranda participará mañá, -11 de maio, ás 11 horas- nunha rolda de prensa xunto a representantes da Mesa e doutras entidades do sector presentes na Iniciativa polo galego no audiovisual.

Precisamente a discriminación do galego foi abordada desde diferentes perspectivas polos integrantes da delegación galega que participou no Intergrupo de Linguas da Eurocámara o pasado mes de abril e que contou coas intervencións do presidente da Mesa Galega pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; o vicepresidente da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Xosé Lois Ledo; a profesora e investigadora do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC, María Soliña Barreiro; e a deputada no Parlamento Galego, Mercedes Queixas.

No marco desta xornada, a delegación mantivo unha reunión de traballo coa eurodeputada da ALE Diana Riba, membro da Comisión de Educación e Cultura do PE e relatora polo grupo parlamentar da Directiva de Audiovisual europea, así como co Secretariado de Linguas Minorizadas e Rexionais do Consello de Europa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG