No debate do pleno da Eurocámara sobre a “Situación da aplicación nos Estados membros do Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación”, Ana Miranda denunciou que os medios públicos galegos incumpren a Lei Europea de Medios (Media Freedom Act) e o uso partidista que deles fai o PP, como se amosou hoxe na imposición da nova directora xeral do ente público.
“Manipular, impor, silenciar e vulnerar dereitos. Non acontece só en Hungría, tamén no meu País, a Galiza. Estou a falar da TVG, a televisión e radio públicas do meu país”, manifestou a eurodeputada galega na súa intervención, quen denunciou que o goberno do Partido Popular incumpre a Lei de Medios Europea xa que interfire nos medios de comunicación públicos, utilizándoos para os seus propios fins políticos e ao servizo do seu goberno.
Como exemplo do incumprimento da Lei de Medios Europea a eurodeputada do BNG mencionou o nomeamento en solitario da nova directora xeral da CRTVG, que tivo lugar hoxe, e que contou unicamente cos votos do PP, tal e como tamén denunciou a viceportavoz primeira do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, quen salientou que con este nomeamento o PP só busca exercer o control político absoluto sobre a radio e a televisión de Galiza, para continuar facendo da CRTVG “o seu terminal de propaganda”.
Venres negros
Miranda explicou que a falta de independencia editorial dos medios de comunicación públicos galegos, a ausencia de órganos de control independentes do poder político interno e externo, a falta de pluralidade, o nomeamento de órganos de control e xestión e o financiamento sen criterios claros xa provocaron máis de 400 denuncias, folgas e o movemento “Defende a Galega”, que esta semana cumpre os seus 373 “Venres Negros”.
Precisamente en novembro de 2024 unha delegación do Comité en Folga da CRTVG viaxou a Estrasburgo para trasladar o ataque a liberdade de prensa, a manipulación que existe nos medios galegos e diferentes cuestións relativas aos dereitos dos traballadoras e traballadores. Nas xornadas de traballo desenvolvidas no Parlamento Europeo a delegación trasladada a Estrasburgo mantivo unha intensa axenda con dous vicepresidentes do Parlamento, Yonous Omarjee e Nicolae Stefanuta; e coa Presidenta da Comisión de Cultura do Parlamento Europeo, Nela Riehl.