Ana Miranda denuncia o boicot do PP para impedir que a Comisión de Peticións da Eurocámara debata sobre Altri, a CRTVG e o encoro da Conchas

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG critica que os populares “vaian de ganchete” coa extrema dereita par negar o dereito a comparecer dos galegos e as galegas

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia o boicot que o PP levou a cabo hoxe sobre tres cuestións galegas para que as denuncias sobre a instalación da macrocelulosa Altri, a manipulación na CRTVG e a contaminación no encoro das Conchas non se debatan nas vindeiras sesións da Comisión de Peticións. Denuncia tamén a negativa dos populares para que esta Comisión organice unha conferencia sobre os incendios.

“Estas son cuestións que tratan de lexislación europea e o PP non quere que se traten no Parlamento Europeo”, critica a eurodeputada galega, quen denuncia que deste xeito lle están negando a cidadanía galega “o dereito a comparecer na Eurocámara”. Ao seu xuízo, o dereito da cidadanía a intervir, neste caso de colectivos que representan a miles de galegos e galegas, debe estar por riba dos votos dos grupos políticos para garantir o correcto funcionamento da Comisión de Peticións.

Así, Ana Miranda critica que unha vez máis o PP “vai de ganchete de Vox” para impedir que os problemas de Galiza sexan tratados na Eurocámara, negándolle a voz a miles de galegos e galegas e facendo visible, unha vez máis, a discriminación que sufre Galiza.

“Desde o BNG seguiremos presentando estas peticións”, subliña a eurodeputada do Bloque, posto que segundo destaca, nestas cuestións sobre a instalación de Altri, a manipulación na CRTVG e a contaminación do encoro das Conchas “hai unhas denuncias claras de vulneración de normativa europea”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG